A GUARDA MODERNIZA O SEU MERCADO DE ABASTOS AO ABEIRO DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
O inmoble, no que se substituíu o pavimento e se adecuaron dous postos, gañou tamén unha zona de lecer na terraza para desfrute das persoas usuarias da praza
Infogauda / A Guarda
O Mercado de Abastos de A Guarda loce xa o seu renovado aspecto despois das obras de reforma levadas a cabo para dotalo de maior luminosidade e seguridade e coas que tamén gañou un novo espazo de lecer na terraza, dentro do obxectivo do Concello de seguir potenciando este espazo municipal. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e a deputada Raquel Giráldez, visitaron este luns xunto ao alcalde, Antonio Lomba, o renovado edificio no que se investiron preto de 50.000 euros, dos que 20.500 foron financiados a través do Plan Concellos 2020 da Deputación.
As actuacións levadas a cabo incluíron a mellora do pavimento existente na planta baixa, así como a adecuación de dous postos, aínda que o cambio máis vistoso é a reforma na terraza, na que se habilitou a nova zona de lecer para as persoas usuarias, que nun futuro se espera complementar cunha cafetería.
Por outra banda, no andar superior instalouse un novo pavimento antibacteriano e antiesvarante de gres cerámico con partículas de prata, que supuxo unha mellora considerable e que está conformado por pezas especiais que dan continuidade entre os paramentos facilitando a súa limpeza, asegurando en todo momento unhas boas condicións de desinfección. As obras complementan outras anteriores levadas a cabo polo Concello encamiñadas a seguir modernizando estas instalacións municipais para dinamizar a actividade comercial do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario