11 de abr. de 2022

A GUARDA

O Obradoiro de Emprego  Manuel B. Portela  deu a coñecer varios proxectos que xiran en torno ao patrimonio da vila  

O venres 8 de abril a especialidade de Promoción turística local e información ao visitante, fixo a presentación de varios proxectos nos que leva traballando dende o inicio da súa actividade. 


Momento da presentación no salón de plenos do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Obradoiro de Emprego de A Guarda vén de presentar varios proxectos que xiran en torno ao patrimonio da vila. Foi o pasado venres día 8 de abril, cando a especialidade de Promoción turística local e información ao visitante, do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela deu a coñecer varios proxectos nos que leva traballando dende o inicio da súa actividade. 

 En primeiro lugar foron feitos públicos os resultados dunha enquisa realizada a pé de rúa, onde a poboación opinou sobre aspectos relacionados co turismo guardés como poden ser o patrimonio, os servizos e as infraestruturas.  

 Dentro das conclusións resalta o recoñecemento co que conta entre a cidadanía guardesa o Camiño Portugués da Costa como importante recurso turístico e a necesidade de ter  mellor comunicación, tanto co resto da comunidade autónoma, como con Caminha. Así mesmo expuxéronse un amplo abano de interesantes conclusións que serán analizadas polo Equipo de Goberno municipal, en aras de continuar mellorando a nivel turístico.  

 Outro dos proxectos que se presentou foi unha Ruta da Arquitectura Indiana na Guarda. Trátase dun extenso itinerario que percorre diferentes lugares e rúas do municipio, coa descrición e localización de moitas das construcións indianas, tanto no casco urbano, como nas parroquias de Salcidos e de Camposancos. Para este proxecto contaron coa colaboración de Joaquín Miguel Villa Álvarez ao que lle agradecen "enormemente o seu compromiso con esta parte tan importante do noso patrimonio".  

 Finalmente presentouse unha publicación sobre o Patrimonio de A Guarda, un amplo estudo sobre múltiples elementos que compoñen o noso patrimonio como recursos histórico-artísticos, museos, persoeiros ilustres, espazos naturais, etc. 

 O resultado foi a edición impresa de cada un dos proxectos, rematando o acto coa intervención do alcalde Antonio Lomba Baz, que amosou a súa satisfacción polos proxectos presentados e recoñeceu o gran labor deste grupo de alumnas e alumnos, así como do profesorado que os/as guiou durante o proceso.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario