O cadro de persoal de Ilunion volverá á rúa para reclamar un convenio de empresa con salarios dignos
A CIG, que preside o comité deste centro especial de emprego, convoca unha concentración diante de Stellantis en Vigo o vindeiro martes día 22
Infogauda / Vigo
O persoal de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, volverá a mobilizarse en Vigo para reclamar un convenio de empresa xusto cuns salarios dignos. A concentración, coa que se lle dá continuidade á intensa campaña de protestas iniciada o ano pasado para denunciar a precariedade que padecen os traballadores/as nas compañías nas que desenvolven o seu labor, terá lugar este martes 22 de marzo ás 13:15 horas.
Segundo explican dende a federación de Industria da CIG de Vigo, os 620 empregados/as de Ilunion prestan servizo en empresas do sector do automóbil como a propia Stellantis, Lear, Benteler ou Denso, nas que soportan unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais de non recibir a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas.
A estes/as traballadores/as aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, por iso a CIG demanda ou que se lles aplique o do sector no que prestan servizo ou que se negocie un convenio propio para o centro de traballo de Vigo. A central sindical -que preside o comité de empresa- ten en marcha unha campaña para mellorar as súas condicións laborais.
No marco desta iniciativa desenvolvéronse xa varias mobilizacións, tanto diante da sede da ONCE como das distintas empresas da automoción nas que o persoal de Ilunion presta servizo. Nesta ocasión volverán á rúa baixo a premisa de “a igual traballo, igual salario” para denunciar a explotación que padecen coa escusa da súa integración laboral.
Lucro inmoral
Porque CIG consideran que os centros especiais de emprego fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”.
Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con capacidades especiais son a través de centros especiais de emprego, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.
Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel destes centros como facilitadores da integración laboral”.
O comité de Povisa denuncia cunha protesta a inacción da Inspección de Traballo ante os incumprimentos da empresa
Desenvolveu unha concentración diante da sede da autoridade laboral en Vigo
Infogauda / Vigo
O comité de empresa do hospital Ribera Povisa da Vigo mobilizouse hoxe diante da Inspección de Traballo para denunciar a inacción deste organismo diante dos incumprimentos por parte da compañía. A representación sindical anunciou novas protestas para reclamar a negociación dun novo convenio colectivo tras 12 anos sen suba salarial e sen melloras laborais.
A concentración desenvolveuse na rúa Cánovas del Castillo de 10:00 a 12:00 horas para rexeitar a actitude da Inspección con respecto a Povisa, xa que o organismo acumula denuncias sen contestar dende hai máis dun ano referentes a incumprimentos no que ten que ver con prevención de riscos e saúde laboral, convenio colectivo, funcións do persoal e información á representación sindical. “Por incumprir Povisa incumpre até os requirimentos da propia Inspección, sen que a autoridade laboral faga nada ao respecto”, lamentan dende a CIG.
Por outra banda, o comité de empresa anunciou a celebración de novas mobilizacións para a semana que vén co obxectivo de forzar a dirección a negociar un convenio colectivo digno tras 12 anos sen suba salarial e sen melloras laborais. Deste xeito, para o martes 22 convoca unha concentración diante do hospital de 14:00 a 16:00 horas, tempo no que se levará a cabo unha manifestación polos arredores do centro médico; e para o xoves 24 unha nova concentración diante do hospital de 10:00 a 12:00 horas.
A dirección de Povisa decidira de xeito unilateral suspender as conversas hai un mes mentres os traballadores/as continuasen coas protestas. Mais o comité de empresa apostou por continuar coas medidas de presión e agarda que a compañía achegue pronto unha nova proposta de convenio que mellore a anterior e que garanta unhas condicións laborais dignas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario