4 de mar. de 2022

TOMIÑO

Tomiño participa en dúas mesas redondas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, xunto a autoridades de Latinoamérica e África  

As concelleiras de Medio Ambiente e Educación presentaron as bases do Plan de Implementación dos ODS do concello, que está en fase de creación 

 

As concelleiras de Educación, Igualdade e Servizos Sociais (Cristina Martínez Souto) e de Medio Ambiente (Ana Belén Casaleiro González) do Concello de Tomiño, nun momento da súa participación telemática
Fotos: C.T.


Infogauda / Tomiño

 As concelleiras de Educación, Igualdade e Servizos Sociais (Cristina Martínez Souto) e de Medio Ambiente (Ana Belén Casaleiro González) do Concello de Tomiño, participaron esta semana de forma en liña, en dúas mesas redondas, co fin de expoñer a experiencia na planificación municipal dos ODS, apoiadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.  

 A actividade tivo lugar no marco do curso internacional “LocalizaODS: Fortalecendo as capacidades para a territorialización da Axenda 2030”, organizado polo Centro de Capacitación e Promoción da Democracia (CECADE).  

 A primeira das mesas redondas contou tamén coa presenza de coordinadores dos ODS a nivel nacional de Arxentina, México e Ecuador. Na segunda das videoconferencias, as concelleiras puideron dialogar con  representantes da Cámara Municipal de Santa Cruz (Cabo Verde) e do Servizo Provincial de Economías e Finanzas de Maputo (Mozambique).  


Captura de pantalla das persoas que participaron nas mesas redondas co fin de expoñer a experiencia na planificación municipal dos ODS, apoiadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 


 As concelleiras tomiñesas expuxeron a experiencia de creación do Plan Municipal de Implementación ODS, no que se seguiron varias fases (diagnose inicial, análise, contacto con axentes, etc.) para chegar á creación da ferramenta final, aínda en proceso de desenvolvemento. Neste sentido, puideron recoller datos moi interesantes das entidades e  países participantes, atopándose algúns deles nun estadio moi avanzado na posta en marcha dos obxectivos.  

 Un elemento que non puido deixarse de abordar, foi a pandemia do Covid-19; co fin de repensar as estratexias da Axenda 2030 que requiren unha reconfiguración.  

 Hai que lembrar que Tomiño é un dos 4 municipios galegos seleccionados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (do cal o Concello é socio) para redactar un Plan Municipal para a Implementación dos ODS; proceso no que se atopa inmerso. 

 Así, Tomiño, é o único concello de Pontevedra seleccionado para por en marcha esta iniciativa (cofinanciada a través dun convenio coa Xunta de Galicia), xunto a Fene (A Coruña), Barreiros (Lugo) e Pobra de Trives (Ourense). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario