Eu Rural impulsa 16 proxectos no territorio nos últimos tres anos a través do Programa Leader
As iniciativas supuxeron un investimento de máis de 1,8 millóns de euros, dos que foron subvencionados arredor de 620.000€ nas convocatorias 2020-2021 e 2021-2022
Grazas a estes proxectos creáronse 16 novos postos de traballo e consolidáronse outros 38
Infogauda / O Baixo Miño
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural continúa
dando pulo ao rural, apostando por novas iniciativas xeradoras de actividade
económica e emprego nos 13 concellos do seu territorio. A través do Programa
Leader, nestes tres últimos anos a entidade desenvolveu 16 proxectos que
supuxeron un investimento total de máis de 1,8 millóns de euros, dos que
arredor de 620.000€ foron financiados a través das convocatorias 2020-2021
e 2021-2022. Iniciativas centradas na dixitalización, ampliación empresarial, no
lecer ou na saúde, entre outros eidos, que supuxeron a creación de 16 novos
postos de traballo e a consolidación doutros 38 xa existentes. “Queremos
seguir traballando para dar resposta ás necesidades do noso territorio e
construír un rural no que, á vez que se crece, se corrixen desigualdades e se
crean oportunidades”, salienta Sandra González, presidenta de Eu Rural.
Entre as iniciativas postas en marcha na actual
convocatoria atópanse 9 proxectos en execución cun investimento de máis 1,3
millóns, con 460.000 euros subvencionados a través do Programa Leader, e
que crearon ou consolidaron case 24 empregos en Mos, O Porriño, O Rosal
e Tomiño. Entre os 5 proxectos produtivos cóntase coa ampliación e
modernización das instalacións de Hermanos Freiría, coa que mellorar a
produtividade desta empresa dedicada a servizos de reparación e mantemento de
vehículos industriais; a transformación e valorización da produción primaria
dunha explotación de froiteiras para a elaboración de zumes ecolóxicos; a
creación dun Centro de Día na parroquia mosense de Torroso con capacidade para
40 persoas; a creación dunha nova sala de ximnasio en Goián; e a creación dun
espazo para a realización de actividades lúdicas para nenos e nenas e as súas
familias baixo o nome Son Rural.
A adquisición dunha furgoneta adaptada para a
Asociación Agrupación Musical do Rosal, a creación dunha aula de informática
para centro de rehabilitación psicosocial e laboral e vivenda protexida na
Guarda e a reforma dun edificio para a posta en marcha dunha escola de música
dixital son os proxectos non produtivos que se están a desenvolver. A actual
convocatoria complétase cun proxecto non produtivo promovido polo Concello da
Guarda para reformar as instalacións do centro de formación e emprego M.B.
Portela.
Pola súa banda, na convocatoria 2020-2021
executáronse 7 iniciativas en Baiona, O Porriño, O Rosal, Tomiño e Tui con 30
postos de traballo creados ou consolidados e cun investimento de arredor de
507.000 euros, dos que case 160.000 foron financiados polo Programa Leader.
Entre os proxectos produtivos atópanse a ampliación das instalacións dunha
clínica veterinaria que lles permite ofertar servizos pioneiros en todo o Baixo
Miño e cunha plantilla 100% feminina con 11 mulleres, a creación dun centro de
rehabilitación neurolóxica en Tui, a ampliación das instalacións produtivas da
empresa de deseño e fabricación de tapóns e embalaxes especiais para botellas
Plasmitec Solutions e a adquisición de moldes, a reciclaxe e a creación dunha sala de escape en Koala Internacional, unha empresa de fabricación e comercialización
de accesorios para o sector do viño, o cava, o champagne e os combinados. Entre
os proxectos non produtivos desta convocatoria atópase en execución a creación
dun centro forestal adaptado TIC no Rosal e, entre os non produtivos promovidos
por entidades públicas, a creación de dous espazos formativos para as NTICS no
centro multiusos Ángel Bedriñana, solicitado polo Concello de Baiona, e o
fomento da administración electrónica no Concello de Tui.
Eu Rural participa ademais en catro proxectos
de cooperación con outros grupos de desenvolvemento rural: Eurochef,
liderado pola asociación e é o único proxecto de carácter internacional; Viños das
IXP de Galicia, co que impulsar o sector vitivinícola das Indicacións
Xeográficas Protexidas; Son de Monte, para a posta en marcha dunha rede de
colaboración para a valorización do monte; e Incorporando Ilusións-Nó rural,
para o acompañamento da xuventude para oportunidades de emprendemento no rural.
“As máis de tres décadas do Programa Leader deixan
clara a importancia destas convocatorias para a transformación do rural, para
fomentar o seu dinamismo, para manter ou xerar emprego, dotar de servizos á
veciñanza e favorecer a mellora do seu nivel de vida e inclusión social. Sobre
todo na situación actual, tras dous anos de crise sanitaria”, salienta a
presidenta de Eu Rural, que lembra que os territorios “agardamos xa pola derradeira
convocatoria 2022-2023 da PAC 2014-2020 para continuar colaborando e poñer en
marcha todos os proxectos que xa temos en espera para seguir dando pulo ao
rural”. Dende Eu Rural xa estamos traballando para pechar o actual período e
iniciar os procesos participativos de cara á nova estratexia que marcará as
nosas intervencións no novo período de programación de la PAC para 2020-2026.
Toda a información dos proxectos do Programa
Leader e dos proxectos de cooperación está dispoñible na páxina web de EuRural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario