4 de mar. de 2022

TOMIÑO

Tomiño plantará mañá unha figueira, filla da da Casa de Rosalía de Castro

A plantación terá lugar ás 12 do mediodía no terreo anexo ao Edificio de Benestar do Concello de Tomiño, situado no barrio da Rocha


Casa museo de Rosalía de Castro, en Padrón (A Coruña)

Infogauda / Tomiño

 Unha filla da figueira da casa da escritora Rosalía de Castro, en Padrón, será plantada mañá no Concello de Tomiño. Presidirán o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, co fin de homenaxear á figura da gran muller das letras galegas no seu 185 aniversario.  

 A plantación terá lugar ás 12 do mediodía no terreo anexo ao Edificio de Benestar do Concello de Tomiño, situado no barrio da Rocha, nas proximidades da Casa da Cultura. O acto contará coa participación de membros da corporación municipal e de integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, que lerán poemas, e do Grupo de Gaitas Virxe do Alivio, que porá a nota musical.   

 Con esta plantación, o Concello quere homenaxear a Rosalía de Castro, reafirmando o seu compromiso coa Fundación do mesmo nome, da que é mecenas desde hai un par de anos, e pór ao mesmo tempo o broche de ouro á programación dos actos conmemorativos do nacemento da escritora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario