18 de mar. de 2022

PONTEVEDRA

PLENO EN #FOTOÁGORA, QUE OUTORGA POR UNANIMIDADE OS 40.000 EUROS EN PREMIOS SOBRE OS ESPAZOS PÚBLICOS DA PROVINCIA   

Os nomes das persoas galardoadas daranse a coñecer a semana próxima logo de desencriptar os códigos das imaxes e de facer as comunicacións oficiais   

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez anuncia que os premios teñen vocación de continuidade para os vindeiros anos 

  

A presidenta da Deputación de Pontevedra - no centro da imaxe, co deputado de Mobilidade e os demais membros do xurado, logo de escoller as fotografías que serán premiadas no 1º certame de #FotoÁgora

Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 O xurado de #FotoÁgora, o primeiro certame de fotografía sobre o espazo público, emitiu hoxe o seu fallo definitivo escollendo por unanimidade a totalidade dos 32 premios, dous principais, un premio por cada un dos principios Ágora, e  20 accésit, que se repartirán os 40.000 euros consignados.   

 Unha vez seleccionadas as imaxes -nomeadas con códigos-, o departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra está nestes momentos a desencriptar a identificación das persoas autoras. Feita a asignación ás fotógrafas e fotógrafos, realizarase a comunicación oficial do premio de maneira telefónica por parte do deputado de Mobilidade Uxío Benítez e daranse a coñecer os nomes publicamente.  

 Segundo explicou o responsable nacionalista, o fallo do xurado xurde despois de varios debates e reunións nas que de xeito consensuado e participado se foron seleccionando as mellores imaxes de entre as 297 presentadas por parte de 62 persoas. No anterior encontro o xurado pasara á final unha escolma de 66 fotografías entre as que hoxe se escolleron as premiadas.   

 “Temos que dicir que estamos moi contentos e satisfeitos co nivel de fotografías que se presentaron a esta iniciativa de #FotoÁgora, que está enmarcada na Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, co obxectivo por parte da Deputación de promover e difundir os valores Ágora dentro da provincia dun xeito gráfico e ameno como é a fotografía”, apuntou Benítez.  

 “Dalgunha maneira coa transmisión destas mensaxes imos difundir a nosa filosofía Ágora, que as persoas son as protagonistas do espazo público”, dixo, lembrando os principios Ágora aos que se lle asignaron as imaxes premiadas:  O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.   

 Segundo explicou Benítez, a Deputación organizará unha gala na que entregará os premios (un primeiro de 6.000 euros, un segundo premio de 4.000 euros e 2.000 euros para as dez imaxes que corresponden a cada un dos principios, ademais doutros 20 accésit con 500 euros cada un). Entón, apuntou o nacionalista, farase unha avaliación da iniciativa, que se pretende repetir nos vindeiros anos “para contribuír a difundir a necesidade de que o espazo público sexa para as persoas e que debemos incrementar o espazo público”. 

 O tribunal dos premios estivo formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot; o profesor da UVigo, Jorge Lens; a xefa do servizo de Arquitectura, Carmen Gómez; o asesor en Mobilidade, Jesús Fole; e Lucía Pazos -funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario