Máis de doce mil estudantes da provincia participaron o ano pasado nas actividades organizadas ao abeiro do Plan Director de Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar
As novas tecnoloxías e o acoso escolar son os temas centrais das actuacións
• A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a reunión da Comisión de seguimento deste Plan, na que participaron mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e responsables de Educación da provincia
• A subdelegada do Goberno celebrou que “os centros educativos de Pontevedra son seguros” e destacou a utilidade deste plan para “fomentar nos nenos e nenas unha cultura de prevención no uso de internet e das redes sociais” e previr distintos riscos no ámbito escolar
• Durante o primeiro trimestre do presente curso académico, 178 centros da provincia participaron no Plan, que reactivouse cun total de 336 actividades organizadas
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, celebrou hoxe a reactivación do Plan de Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos centros educativos da provincia, que este curso recuperou o pulo das actividades presenciais tras a pandemia cun total de 336 accións formativas organizadas nas que destacan as novas tecnoloxías e o acoso escolar como temas centrais. “Nestes dous anos de pandemia quero recoñecer o esforzo da comunidade educativa da provincia. Tamén o traballo das forzas de seguridade, que seguiron a traballar na formación en seguridade do alumnado, docentes e pais e nais a pesar das circunstancias”, remarcou Maica Larriba na xuntanza celebrada este martes na Subdelegación do Goberno, a primeira en formato presencial nos últimos dous anos.
“A pesares de que tivemos que adaptar o traballo ás circunstancias sanitarias, aos peches de aulas e aos períodos de interrupción das clases, no curso pasado conseguimos que 12.606 estudantes, 805 docentes e 306 familiares participaran nas 534 actividades que organizamos en 246 centros da provincia ao abeiro deste plan”, destacou a subdelegada, quen tamén resaltou que “nos últimos dous anos a Covid afectou ao número de actuacións organizadas pero non diminuíu o interese da comunidade educativa por elas”. Nesta liña agradeceu a implicación de comunidade e autoridades educativas así como das forzas de seguridade para que a educación nos centros de Pontevedra sirva “para os fins que debe ter: garantir o progreso da cidadanía e da nosa democracia”.
Na xuntanza deste martes participaron a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o director da Alta Inspección de Educación en Galicia, Manuel Regueiro; a xefa da Unidade contra a violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy; o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Augusto Pérez; e o inspector de Educación da Xunta de Galicia e responsable do Plan Director en Pontevedra, José María Alén, así como membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.
Reactivación
Os datos confirman a reactivación do Plan de Convivencia nos centros educativos de Pontevedra. “Estamos preto de chegar as cifras de hai tres anos e penso que a finais deste curso as recuperaremos totalmente”, valorou a subdelegada. No primeiro trimestre deste curso participaron neste programa cerca de 178 centros de toda a provincia.
Os equipos especializados de Policía e de Garda Civil realizaron neste centros 336 actividades de formación e de prevención. Participaron nestas actividades 8.241 membros da comunidade educativa, dos que 7.555 eran alumnos e alumnas e o resto, profesorado e pais e nais. “Os datos son moi bos, o 34 % de participantes do Plan en Galicia son da provincia”, afirmou a subdelegada.
A maior parte das charlas estiveron centradas nas novas tecnoloxías, temática que aglutinou un 60% do total de actividades. Séguenlle en relevancia o acoso escolar e a violencia de xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario