O audiovisual galego amósase no Festival de Málaga con nove títulos en proxección e presenza na área de industria co apoio da Xunta de Galicia
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu á estrea de Código Emperador, de Vaca Films, película escollida para a gala de apertura do certame especializado en cine español e iberoamericano
A serie Rapa, adxudicataria de 300.000 euros polo fondo de captación de rodaxes do Hub audiovisual da Xunta, preséntase o martes na sección Pantalla TV
Infogauda / Málaga
O audiovisual galego está presente de xeito destacado no 25º Festival de Málaga a través de nove filmes que se proxectarán en distintos apartados do evento, así como dun expositor propio de difusión entre o público profesional acreditado no mercado paralelo, nunha misión comercial que conta co apoio da Xunta de Galicia. Seis dos títulos incluídos na programación suman unha inversión por parte do Goberno galego de preto de 700.000 euros para a súa produción e exhíbense neste festival na súa primeira fase de promoción.
Outros títulos galegos con subvención autonómica que se poderán ver no festival son a curtametraxe Rompente, de Zeitun Films, o documental Welcome to ma Maison, de Gaitafilmes, a longametraxe Cando toco un animal, da cooperativa Sétima (estes dous últimos, presentes no apartado Spanish Screeenigs) e Onde máis doe, documental de Xamalú Filmes que terá un pase especial no Teatro Echegaray. As restantes tres fitas que completan a carteleira galega en Málaga son Memoria, Sycorax e El sembrador de estrellas.
Primeiro ‘stand’ no MAFIZ
Desde ese stand, os profesionais galegos desprazados poderán propiciar os seus contactos de traballo e difundiranse os novos catálogos Films from Galicia e Shorts from Galicia, editados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para contribuír á promoción internacional da máis recente produción galega para cinema e televisión, así como para poñer en valor a súa calidade artística e técnica.
Deste xeito, os 58 títulos recollidos baixo Films from Galicia e as sete curtametraxes de Shorts from Galicia ofrecen unha completa panorámica da actualidade do noso sector audiovisual, deixando testemuño da variedade da oferta galega, ademais de contribuír a promover a nosa Comunidade como escenario de rodaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario