17 de mar. de 2022

A GUARDA

PERSOAS DEVOTAS DA COMARCA CONMEMORARÁN A FESTIVIDADE DE SAN BIEITO "DO INVERNO" 

Este luns día 21 de marzo


Retablo de estilo barroco, coa imaxe de San Bieito, na igrexa do antigo mosteiro da Transfiguración do Señor

Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda  

 Con eucaristías que serán oficiadas o luns, día 21 de marzo, ás 9:00, 10:00 e 11:00 (solemne) respectivamente, na capela que pertenceu o mosteiro de monxas bieitas da Transfiguración do Señor, fundado en 1558 polos irmáns Ozores e Sotomaior e Maior de Zúñiga, situado fronte a Chan de Conde - predio que foi dos Condes de Priegue -; a vila de A Guarda celebrará a festividade de San Bieito “do inverno”. 

 O rematar cada unha das misas, poderase merca-la medalla-crucifixo de San Bieito abade, de orixe moi antiga. 

 O deseño desa medalla foi fixado polo Papa Benedicto XIV. Dunha parte leva a imaxe de S. Bieito. No anverso leva a efixie do santo, coa cruz na man dereita e a Regra da Orde Bieita na man esquerda; a súa dereita unha copa de onde fuxe unha cobra (lembranza do viño enveleñado do que se salvou milagrosamente); a esquerda un corvo lévase o pan con veleno. Asemade poden lerse as seguintes verbas: "EX S.M. CASINO MDCCCLXXX" (Do Sacro Monte Cassino 1880). A ambos os dous lados "CRUZ SANCTI PATRIS BENEDICTI" (Cruz do S. Padre Bieito). Arredor da imaxe: "EIUS IN OBITU NOSTRO PRAESENTIA MUNIAMUR" (Que nos defenda na nosa morte coa súa presenza). 

 "A medalla de S. Bieito emprégase para todas as necesidades espirituais e temporais, a condición que se use con espírito de fe. Esta medalla - que debe ser bendicida por un sacerdote ou por un diácono - é eficaz contra as epidemias, os velenos, algunhas enfermedades especiais e contra os maleficios e as tentacións do demo", dixo a este cronista, unha devota de San Bieito, que desde fai varios anos, coida o santuario. 

 Ademáis de estar considerado o Patriarca do monacato occidental, fundador da Orde Bieita e a vez, Padroeiro dos exorcistas; San Bieito conta con numerosos devotos da nosa vila e de toda a comarca do Baixo Miño. Non en van, A Guarda honra a San Bieito en dúas ocasions ó longo do ano. A primeira delas, o 21 de marzo e que se coñece popularmente como a festividade de "San Benitiño do inverno", e a segunda, tén lugar o 11 de xullo e denomínase "San Benitiño do vrán". En ambas as dúas ocasións, os devotos ofrécenlle ó santo esmolas e exvotos de cera, representando diversos membros, e incruso figuras antropomorfas - que teñen forma ou apariencia humana -, co fin de obter os numerosos beneficios que segundo a fe popular adoita conceder o popular santo, nado no ano 480 nos Montes Sabinos, preto de Roma. 

 A San Bieito atribúenselle poderes curativos de diversas enfermedades, especialmente as verrugas e males relacionados coa pel. A tradición di que para elimina-las espullas hai que ter fe en San Bieito e botar un pouco de aceite do lampadario do santo, que se distribúe entre seus devotos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario