COGAMI e o Concello de A Guarda mantiveron unha reunión de traballo
• Actualmente, o servizo de emprego de COGAMI conta cunha base de datos que contempla 71 persoas inscritas de A Guarda , 28 mulleres e 43 homes.
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, reuniuse con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI)
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
En datas recentes o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, reuniuse con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para recibir información e facer unha valoración do servizo que este colectivo está prestando no municipio.
O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI, posto en marcha en 1996 como aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral, atende ás persoas con discapacidade do concello de A Guarda dende hai 18 anos. Para evitar que estas persoas se teñan que desprazar ás cidades, dende COGAMI achegan o servizo á poboación, sendo a orientadora laboral a que se desprace ata os concellos de zonas rurais.
Este servizo conta agora cunha nova orientadora laboral, Laura Malvar, quen estivo acompañada na xuntanza mantida o pasado venres pola coordinadora da oficina que COGAMI ten en Vigo, Susana Rodríguez.
Actualmente, o servizo de emprego de COGAMI conta cunha base de datos que contempla 71 persoas inscritas de A Guarda, 28 mulleres e 43 homes.
Ademais de entrevistar ás persoas con discapacidade, tamén contactan coas empresas e comercios da zona para captar tanto ofertas de emprego como tamén para a acollida en prácticas de persoas que se forman nos cursos que imparte anualmente COGAMI co fin de formar e reciclar ás persoas que están apuntadas na base de datos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario