1 de mar. de 2022

A GUARDA

Prazo extraordinario de inscrición para o Desfile de Entroido do vindeiro domingo na Guarda  

Con motivo do aprazamento ábrese un prazo de dous días para recibir inscricións de novas carrozas, comparsas e grupos que puideran concorrer na nova data 



Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Como adiantamos na nosa edición de onte, o Concello de A Guarda vén de facer público que "ante a chegada da choiva o desfile previsto para tarde de hoxe, martes 1 de marzo, foi aprazado para a tarde do domingo 6 de marzo, respectando o mesmo horario e percorrido: saída ás 17:30h. da Esquina Famosa (rúa Puerto Rico), rúa Galicia e rúa Rosalía de Castro (Alameda)  

 Tal e como estaba previsto nas bases do desfile para tal caso, este aprazamento orixinou un novo prazo de inscrición para que grupos, comparsas ou carrozas que non puideran concorrer o martes pero si tiveran dispoñibilidade para o domingo 6 de marzo presenten a súa solicitude xunto coa documentación correspondente. Así mesmo os participantes que estando anotados non puideran acudir na nova data deberán comunicalo neste mesmo prazo, de tal xeito que o venres 4 de marzo publicarase unha nova relación de participantes na que se teñan en conta as baixas resultantes e as novas solicitudes e se faga saber cantos participantes terían opción a compensación económica, xa que esta  segue o criterio de orde na anotación.   

 Este novo prazo de anotación estará aberto durante os días 2 e 3 de marzo, as solicitudes están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica e os participantes deben coñecer as bases e condicións de participación. Non se admitirán aquelas solicitudes que veñan incompletas ou sen a documentación necesaria".  

Ningún comentario:

Publicar un comentario