O SELO DEDICADO AO MONTE SANTA TREGA CADA VEZ MÁIS PRETO
Poñerase en circulación o 21 de abril
Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa / A Guarda
Na exposición filatélica XXV EXFIMIÑO 2021 dedicada a Eliseo Alonso Rodríguez, xa demos a noticia da concesión, por parte de Correos, dun selo dedicado ao Monte Santa Trega.
Hoxe fíxose pública a noticia, aparecendo na listaxe de emisións para o mes de abril a imaxe do noso buscado e ansiado selo.
Fagamos un breve repaso por historia desta procura.
O Grupo Filatélico Guardés, así chamado nos seus comezos, era unha sección da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. O Grupo Filatélico seguía as mesmas inquietudes que a Sociedad Pro-Monte, que era fomentar e promocionar o noso pobo da Guarda e do Monte Santa Trega. Por iso, na acta do 4 de abril de 1965, aparece reflectida que: solicitaron á Comisión 4ª do Consello Postal un selo con algún motivo do Baixo Miño ou do seu famoso Santa Tegra. Nesta ocasión non tiveron fortuna.
38 anos despois, en 2003, unha nova Xunta Directiva, xa como Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, volve tentar. O directivo Antón Ferreira elabora un completo e fabuloso informe sobre o Monte Santa Trega onde inclúe un bosquexo do que podería ser o selo. Pero tampouco houbo sorte.
Nesta nova Xunta Directiva, un dos seus proxectos, era conseguir o prezado selo que vén perseguindo desde hai xa 57 anos, e por fin conseguiuno.
Despois de recibir a carta de aceptación, enviáronselle varias imaxes do que a Xunta Directiva quería que se mostrase na imaxe do selo. Finalmente, o equipo de maquetación de Correos, elixiron unha fotografía que realizou a nosa secretaria, Marta Verde, en 2020 con motivo do cuño turístico.
O selo poñerase en circulación o 21 de abril. Aínda temos que esperar un pouquiño para poder poñelo en circulación e difundir a cultura do pobo da Guarda por todo o mundo.
CARACTERÍSTICAS DO SELO:
Procedemento de impresión: Offset
Papel: Autoadhesivo fosforescente
Tamaño do selo: 74,6 x 28,8 mm
Efectos en prego: Prego de 15 selos
Valor postal de cada selo: 2,70€
Tirada: 135.000 selos
Ningún comentario:
Publicar un comentario