O Rosal reclama á Xunta de Galicia un proceso de negociación que poña fin ao conflito entre o sector percebeiro e os produtores de mexillón
O Concello mostra o seu apoio ao colectivo percebeiro do municipio ante as desconsideracións vertidas cara o seu traballo
Infogauda / O Rosal
O pleno do Concello do Rosal aprobou onte unha moción na que mostra o seu apoio para o colectivo percebeiro do municipio ante as desconsideracións vertidas cara ao seu traballo e labor organizativo. Durante o pleno tamén se decidiu instar á Consellaría do Mar ao establecemento dun proceso de negociación e diálogo que poña fin ao conflito entre o sector e os produtores de mexillón “no que se manteña o respecto a un sector de importancia para O Rosal e para Galicia, e no que se procuren fórmulas para que ambos colectivos poidan desenvolver a súa tarefa extractiva con compatibilidade e observancia mutua cara a sostibilidade de actividade dos bateeiros e percebeiros”.
Este conflito inicia coa falta de compatibilidade da extracción do percebe e da mexilla, vinculada ao acceso e actividade dalgúns extractores da cría do mexillón en zonas onde o percebe acada alta calidade e, polo tanto, valor comercial. A necesidade, legal e biolóxica, que os extractores de mexilla teñen de deixar as pedras limpas ao rematar a súa actividade supón, nalgunhas áreas da costa, unha práctica incompatible coa fixación do percebe.
O Concello recolleu as demandas da Confraría de Pescadores “Santa Tecla”, que considera que esta discrepancia debe ser resolta coa negociación entre as partes, que xa se intentou sen resultados durante o 2020. Por todo isto, o pleno insta á Xunta a poñer solución a esta situación o antes posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario