23 de feb. de 2022

A GUARDA

A PLATAFORMA CONEXIÓN A GUARDA-CAMINHA INICIA UNHA CAMPAÑA 

PARA RECLAMAR UNHA COMUNICACIÓN EFICAZ ENTRE AS DÚAS LOCALIDADES 


Hostaleiros, comerciantes e concelleiros de A Guarda, na praza do Reló, diante da Casa do Concello, na presentación da campaña

Infogauda / A Guarda

 Debido a inxustificable paralización do transbordador "Santa Rita de Cássia", que leva amarrado na doca do porto de Caminha desde o pasado mes de outubro de 2021, como xa informamos neste xornal dixital transfronteirizo; o comercio e a hostalería de A Guarda están sentindo as consecuencias que afectan á directamente a economía deses - entre outros - sectores. Para tratar de cambiar a situación foi creada recentemente a Plataforma Conexión A Guarda-Caminha, formada por emprendedores do comercio e da hostalería guardesa.

 A Plataforma Conexión A Guarda-Caminha xa está dando os primeiros pasos. Dese xeito vén de presentar publicamente a campaña que vai desenvolver "para demandar da Xunta de Galiza e do Goberno español unha comunicación eficaz e sostíbel entre as dúas localidades fronteirizas". 


Cartel editado pola Plataforma Conexión A Guarda-Caminha

 A campaña consta dun cartel que se repartirá polo comercio e a hostalaría guardesa, así como unha recollida de sinaturas para implicar a toda a veciñanza e facer visíbel deste xeito o sentir do pobo da Guarda. 

 A recén creada plataforma considera que "o ferry está obsoleto e as dúas localidades están cada día máis illadas". Localidades moi próximas están traballando desde fai tempo en estratexias de políticas transfronteirizas, afondando na creación das eurocidades e eurorexións. Eurocidades como Tomiño-Cerveira, Tui-Valença, Salvaterra-Monçao, levan dando pasos dende hai moito tempo con resultados que están á vista. 

 "Para poder sumarnos a estas políticas nas que A Guarda debe estar presente e participando activamente poñendo en valor todas as nosas potencialidades, o primeiro que precisamos é unha comunicación áxil, efectiva e sustentábel con Caminha", manifestan desde a Plataforma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario