FÚTBOL
1ª FUTGAL - Grupo 6
O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO TOMIÑO F.C.
• Este venres, día 1º de maio, ás 16:30 horas, no Campo municipal A Sangriña
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Este venres, día 1º de maio, ás 16:30 horas, no Campo municipal A Sangriña, o Sporting Guardés e o Tomiño C.F. xogarán un partido de fútbol correspondente a xornada 32.
O saque de honra farao o atleta Borja Cadilla Lomba, seareiro do Sporting Guardés, como conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que foi o pasado día 2 de abril.
O conxunto local, que vén de sumar tres derrotas consecutivas (1-0) no feudo do C.F. Progresista; (1-2) na Sangriña, fronte ao Juvenil de Ponteareas; e (2-1) no feudo do UVCD Candeán; terá este venres, oportunidade de lograr reter algún dos puntos en xogo.
Será, en todo caso, se o equipo visitante llo permite, porque ainda que na xornada 29 perdeu 4-1 fronte ao Juvenil de Ponteareas, na semana seguinte logrou impoñerse (4-2) ao UVCD Candeán, no Campo municipal do Alivio. Con todo, encaixou unha avultada derrota (6-2) na xornada 31 fronte a U.D. Ribera, no Campo municipal da Mata.
No que respecta as clasificacións, o Sporting Guardés atópase a día de hoxe no posto 5 da táboa, con 55 puntos, e o Tomiño, C.F. está no posto 13, con 36 puntos.
O equipo de A Guarda non está nunha situación de perigo e o conxunto de Tomiño, de momento tampouco, pero non pode confiarse se quer manterse na categoría na vindeira temporada, dado que ainda quedan outras dúas xornadas máis para rematar a liga.
Dese xeito, o encontro vai ser, con toda probabilidade, de máxima rivalidade comarcal, e nas bancadas haberá seareiros de ambos os dous equipos, o que dará animación a unha tarde de fútbol que desexamos sexa vistosa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario