A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño rematará na vila de A Guarda unha rolda de concentracións “para denunciar a grave situación da sanidade no Baixo Miño”
· Será o vindeiro mércores 23 de febreiro ás 19.00 horas na praza de Avelino Vicente
Infogauda / A Guarda
A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño rematará o vindeiro mércores día 23 de febreiro, ás 19:00 horas, na praza de Avelino Vicente González, na vila de A Guarda, unha rolda de concentracións para denunciar “o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca, que dende hai tempo padecían unha importante carencia de persoal sanitario que case limitaba a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas”.
Ante esta realidade, as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade convocaron nos meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas coas que “denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente. A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.
Por este motivo, “desde a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño convídase á toda a veciñanza e ás plataformas en defensa da sanidade pública a participar na derradeira das catro concentracións, nas quebúscase poñer de relevo unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza e que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura”.
A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño reclama dende hai tempo “unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo”.
As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu “apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario