5 de xan. de 2022

VIGO

A CIG-Saúde xa advertira antes da pandemia do colapso da Atención Primaria de Vigo por falta de medios 

Na central lembran que a escaseza de recursos foi contestada con folgas e  mobilizacións e instan a tomar medidas para reconstruir este servizo 


Mobilización de persoal sanitario no Centro de Saúde de Coia
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 A federación de Saúde da CIG de Vigo lembra que xa antes da pandemia da covid advertira sobre a  posibilidade de colapso da Atención Primaria por falta de medios, colapso que agora vén de con
firmar a  propia Xerencia da área sanitaria. Esta escaseza de recursos fóra contestada ademais de xeito  contundente con folgas e mobilizacións masivas nas rúas. 

 Dende a central sindical inciden en que a actual situación da Atención Primaria na área sanitaria viguesa  non é nova, “até o punto de que xa antes da covid tiñamos denunciado que era preciso tomar medidas  urxentes para evitar o seu colapso, situación que foi contestada con folgas e mobilizacións”. 

 Agora a Xerencia da área sanitaria vén de comunicarlle aos profesionais a decisión de restrinxir a  actividade nas consultas de medicina de familia de 14 centros de saúde, nos que só se atenderán  consultas urxentes e as relacionadas coa covid. 

 “Esta decisión, que non foi lle comunicada á representación das traballadoras/es, supón asumir unha  realidade que xa se estaba a producir. Polo tanto, non será un problema desprogramar neses centros a  actividade programada, pois case era inexistente por falta de recursos; de feito, xa hai tempo que as  actividades que aportan calidade ao sistema sanitario foron substituídas pola atención ás demandas do  día a día”, denuncian dende a CIG-Saúde. 

Restablecemento da normalidade asistencial 

 Por iso dende a central sindical pregúntanse que medidas pensa adoptar a Xerencia para restablecer a  normalidade asistencial nos centros de saúde, recuperando a totalidade das funcións da Atención  Primaria, “que van máis alá de atender urxencias e pacientes covid; e non vale a desculpa da falta de  profesionais, porque hai xa cinco anos sabiamos que isto ía suceder e non se tomaron medidas para  evitalo”. 

 Finalmente, sosteñen que é hora de escoitar as profesionais, desenvolver un plan para recuperar a  Atención Primaria e dotala de estruturas de xestión e orzamento axeitado. “Só así poderemos saír do  colapso e recuperar a Atención Primaria como un espazo de traballo atractivo para profesionais, que  permitiría recuperar os que se forman en Atención Primaria e rematan traballando noutros ámbitos”.  Isto faría posíbel tamén “reconstruír” a Atención Primaria como un espazo “accesíbel e confortábel” para os pacientes, “recuperando a confianza nas súas profesionais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario