4 de xan. de 2022

VIGO

Arredor de 1.600 empregados/as de Bosch en Vigo están  chamados/as a tres días de folga contra a precarización laboral 

A compañía do sector dos centros de chamadas pretende modificar as  condicións de traballo de 400 persoas tras renunciar a un ERE para 90


Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Os arredor de 1.600 empregados/as de Bosch en Vigo están chamados/as a tres xornadas de folga de 24 horas este mércores 5, o venres 7 e o luns 10 de xaneiro para rexeitar as pretensións da compañía do sector dos centros de  chamadas de precarizar aínda máis as súas condicións laborais. Segundo explican dende a representación sindical,  a dirección quere impoñer unha modificación substancial das condicións de traballo a 400 persoas tras verse  obrigada a retirar o ERE que pretendía aplicarlle a 90. 

 O comité de empresa de Bosch (12 delegados/as da CIG, 5 de CCOO, 5 de UGT e 1 independente) decidiu convocar os tres días de paro tras consultar co cadro de persoal nas distintas asembleas telemáticas que se levaron a cabo  nos últimos días, tendo en conta que boa parte dos empregados/as atópanse en situación de teletraballo como  consecuencia da pandemia.  

 Tal e como sinala o presidente do comité, Xulio Paramos, da CIG, o inicio do conflito laboral remóntase a comezos  do pasado mes de decembro, cando Bosch presenta un ERE para 90 persoas que xustifica nunha suposta  adaptación do persoal ás necesidades dun servizo pendente de concurso. En concreto, a medida afectaría a 50  traballadores/as dun departamento e a 40 de outro, que segundo a empresa sobrarían para facerse cargo dun  servizo que Vodafone vai licitar. 

 “Nada máis iniciar as negociacións coa empresa desmontámoslle esta argumentación, xa que non poden aplicar  un ERE en base a futuríbeis, tendo en conta que aínda non sabe se vai resultar adxudicataria do servizo, indica  Paramos. Entón deciden retirar o ERE, pero presentan unha modificación substancial das condicións de traballo  para todo o persoal dos dous departamentos, arredor de 400 persoas. “A medida inclúe cambios nas quendas  horarias e reducións de xornada e non respecta nin a concreción horaria por garda legal”, denuncia. 

 O comité anunciou que non vai aceptar estas modificacións “porque supoñen precarizar aínda máis as nosas  condicións de traballo” e optou por promover a convocatoria de folga. Ademais, desenvolverá unha concentración diante das instalacións da empresa (rúa Barxa do Covelo) este venres día 7 de 12:00 a 13:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario