25 de xan. de 2022

A GUARDA

O BNG ESIXE MEDIDAS DIANTE DO COLAPSO DA ATENCIÓN PRIMARIA  

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz do BNG no Concello de A Guarda): Os recortes  aplicados polo PP están deixando a miles de persoas con unha atención sanitaria  moi deficitaria” 

 

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 No pleno que se celebrará o próximo venres día 28 de xaneiro, o BNG presenta unha moción para esixirlle a Xunta de Galiza que cambie o actual modelo fracasado de Atención Primaria”, afirma Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello de A Guarda. 

 Os nacionalistas afirman que “para levar adiante ese cambio é necesario aumentar o orzamento e  realizar no prazo máximo de seis meses un Plan de Ordenación de Recursos Humanos que permita coñecer a situación real do cadro de persoal e establecer, as ratios axeitadas para ofrecer unha calidade asistencial digna, rematando coa precariedade na contratación de persoal, e convocando  a totalidade das prazas vacantes”.  

 Asemade, Anxo Lois Baz Vicente manifestou: “É precisa unha auténtica aposta pola Atención Primaria para sacala do colapso no que se atopa. Os orzamentos para 2022 aínda son 2 millóns de € máis baixos que no ano 2021e 47 millóns de euros menos que no 2009. De aplicarlle o IPC, serían máis de 277 millóns de euros menos”.  

 Anxo Lois Baz acabou concluíndo: “Se falla a Atención Primaria, o fallo esténdese a todo o sistema. A este ritmo de deterioro estamos a un paso do colapso xeneralizado. A necesidade de fortalecemento da Atención Primaria non permite máis demoras. Teñen que deixar de botar balóns fóra,  exercer de Goberno e tomar medidas. Os recortes   aplicados polo PP  na Xunta de Galiza están deixando a miles de persoas con unha atención sanitaria  moi deficitaria”.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario