26 de xan. de 2022

VIGO

O comité de empresa de Povisa anuncia mobilizacións no caso de  que non se produzan avances na negociación do convenio 

O cadro de persoal do hospital privado vigués leva 11 anos sen suba de  soldos e co acordo laboral caducado a pesar do cambio de dirección 


Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa do hospital Ribera Povisa de Vigo anunciou hoxe a súa intención de convocar mobilizacións no  caso de que non se produzan avances na próxima xuntanza de negociación do convenio colectivo, prevista para o  vindeiro xoves 3 de febreiro. Dende a representación sindical lembran que o cadro de persoal do centro médico  privado leva 11 anos sen suba de soldos e co acordo laboral caducado a pesar do cambio de dirección. 

 Esta situación provocou numerosos conflitos coa anterior propiedade do hospital, “e os traballadores/as seguimos  coa mesma situación laboral en precario dende que Ribera Salud adquiriu Povisa en 2019”. As posturas están aínda  moi alonxadas a pesar de que transcorreu xa un ano dende que comezaron as conversas. “Todo isto, sumado aos  dous anos de pandemia, na que todo o persoal demostrou o seu compromiso, implicación e sacrificio, fai que sexa  necesario que as nosas condicións laborais melloren”. 

 Por iso dende o comité de empresa de Povisa queren deixar moi claro que de non producirse avances na reunión  prevista para o vindeiro xoves 3 de febreiro optarán por convocar un calendario de mobilizacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario