O PP DA GUARDA CRITICA A DESPREOCUPACIÓN, FALTA DE SENSIBILIDADE E INICIATIVA, DO GOBERNO DE ANTONIO LOMBA E OS SEUS CONCELLEIROS COA GUARDA
Os populares da Guarda aseguran que o goberno de Antonio Lomba, Montserrat Magallanes e o resto de concelleiros socialistas, non só van a remolque das demandas dos populares guardeses senón que perderon a conexión coa cidadanía.
Infogauda / A Guarda
“A situación da Guarda resulta esperpéntica: os guardeses e guardesas prescinden de acudir ao Sr. Alcalde ou os seus concelleiros para calquera necesidade, sabedores que as súas demandas non terán resposta nin solución. Así, contactan directamente connosco para que, a través dunha simple foto denuncia, un sinxelo vídeo, nota de prensa criticando unha situación ou comentario en redes sociais o tema soluciónese”. Esa é a análise que vén de facer Roberto José Álvarez Carrero, concelleiro portavoz do Partido Popular no concello de A Guarda.
Asemade, o portavoz dos populares segue afirmando: “O lastimoso da situación é que, por desgraza, funciona: o Sr. Alcalde, Montserrat Magallanes e compañía, só están preocupados da prensa, a foto ou o comentario en redes sociais. Vídeo de falta de auga en baños de Praia do Muiño: solucionado aos tres días; denuncia por abandono do Cuchiño (subida a Estrada de Circunvalación - A Cal): roza realizada aos tres días; vídeo para arranxo urxente da perigosa gabia aberta en Colexio Carmelitas: solucionado aos dous días; demanda de parques infantís abandonados en Pintán ou Salcidos: solucionado con nota de prensa e promesa de investimento; e un longo etc. que non vale a pena seguir debullando”.
Roberto José Álvarez Carrero constata que “o goberno presidido por Antonio Lomba vai a remolque das nosas demandas porque o seu proxecto está esgotado e desconectado da cidadanía guardesa. O seu goberno é un cadáver moribundo ao que só lle proporciona osíxeno o seu socio e amigo o BNG de Anxo Lois, que apoia permanentemente o seu goberno, e non quixo nin propiciou o cambio na Guarda, a pesar das falsas promesas realizadas aos guardeses, ou das múltiples ofertas recibidas pola nosa banda para acordar un proxecto serio e real para A Guarda. A súa falta de criterio, formación e capacidade é farto coñecida. No fondo, e tal como sempre dixemos: votar ao BNG da Guarda é, e seguirá sendo, votar ao PSOE da Guarda”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario