25 de xan. de 2022

GALIZA

A CIG convoca 11 mobilizacións este domingo para  esixir a derrogación real das reformas laborais 

En Vigo a manifestación arrincará o vindeiro domingo 30 de xaneiro dende a Dobrada ás 12:00h 




Infogauda / Vigo

 A CIG convoca 11 mobilizacións en toda Galiza  “para rexeitar a fraude que representa a nova  reforma laboral e para esixirlle ao Goberno español de PSOE e Unidas Podemos que cumpra  coa palabra dada e derrogue de verdade os recortes de dereitos aplicados en contra da clase  traballadora nos últimos anos”. A manifestación de Vigo arrincará dende a Dobrada ás 12:00  horas e rematará a carón do farol de Urzaiz. 

 Ao secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, denuncia que no “pacto social” do que  nace esta nova reforma, tanto o Goberno como UGT e CCOO pregáronse aos intereses da  patronal, polo que o “diálogo social” evidénciase unha vez máis como o enterrador dos  dereitos dos traballadores/as. O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas  máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra  vez, da clase obreira: 

 O despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos. 

 Non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes. 

 Non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei. Segue en vigor o 10% da desregulación da xornada laboral. 

 Incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que  afondarán na precariedade. 

 Ademais, créase unha nova modalidade de traballador/a  precario/a baixo o novo contrato fixo-descontinuo. 

 A nova modalidade de ERTE facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas a Seguridade Social, mentres argumentan que a caixa das pensións está quebrada. 

 Mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e  tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos  salarios”. 

 Para a CIG, como primeira forza sindical galega, a derrogación real e efectiva das reformas  laborais impostas por PSOE e por PP é unha esixencia irrenunciábel, por ser o imprescindíbel  punto de partida para recuperar os dereitos que nos foron roubados co pretexto da anterior  crise”.

 Por iso dende a central sindical fan un chamamento ao conxunto dos traballadores/as a  mobilizarse o vindeiro domingo 30 de xaneiro na manifestación comarcal que sairá dende a Dobrada ás 12:00 horas e rematará no farol de Urzaiz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario