2 de mar. de 2021

TOMIÑO

Feminíssimas: teatro cómico e feminista para reivindicar o 8M en Tomiño  

O espectáculo terá lugar no Auditorio de Goián o sábado 6 de marzo ás 20:00h, está dirixido a un público adulto e terá un custe de 5 euros 

 


 
Infogauda / Tomiño

 Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, o Concello de Tomiño programou o espectáculo teatral Feminíssimas, que será posto en escea o vindeiro sábado día 6 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio de Goián, cumprindo coas máis estritas medidas e protocolos de prevención sanitaria.  

 Feminíssimas é unha comedia negra e moi violeta que ten como eixo temático a amizade e a perspectiva de xénero. Protagonizada por tres amigas da adolescencia que xa fai 15 anos que non se ven, estas reencóntranse nun congreso feminista en Vigo para o que deciden pasar a noite anterior nun moderno AirBnB. Este reencontro estará caracterizado pola confrontación das distintas sensibilidades do feminismo que representan cada unha, encarnadas con ironía e complicidade, aínda que a medida que a noite avanza tamén van aparecendo a nudez, a humanidade e a empatía.  

 A obra vai dirixida a un público adulto, ten unha duración de 75 minutos e terá un prezo de 5 euros. A reserva das entradas pode facerse a través do número de teléfono do Concello de Tomiño ou do correo cultura@tomino.gal.  

 Alén diso, o propio 8 de marzo o Concello de Tomiño vai compartir un vídeo moi especial para conmemorar o Día Internacional da muller no que participaron moitas tomiñesas co que se pretende celebrar os avances conseguidos nos últimos anos, pero tamén reafirmarse na loita e a reivindicación da igualdade real, que aínda está lonxe de ser acadada.

O ROSAL

O Concello do Rosal xa conta cun Consello Municipal de Deportes, un foro de debate do que nacerán propostas e ideas de futuro  

Integrado por representantes de todo otecido deportivo da localidade, permitirá unha estreita colaboración entre Concello e sociedade para abordar todas as cuestións que afectan ao eido deportivo   

 
A alcaldesa e o concelleiro de Deportes nun momento da xuntanza telemática con representantes de diferentes entidades deportivas do Rosal - Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 O Equipo de Goberno do Concello do Rosal continúa apostando pola colaboración activa e estreita coa sociedade para seguir avanzando nos distintos ámbitos municipais. Con este obxectivo, vén de constituírse o Consello Municipal de Deportes, un órgano consultivo integrado por representantes de todo o tecido deportivo do Rosal que funcionará como foro de debate e reflexión, como viveiro de propostas e como fonte de visión crítica para abordar calquera cuestión relacionada con este eido na localidade.  

 “Temos a sorte de contar co bo facer de deportistas e clubs, que están a facer un grande esforzo por continuar coa súa actividade a pesar das dificultades coas que nos atopamos nestes intres”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen salientou na reunión inicial a capacidade de clubs e deportistas para “adaptarse e readaptarse á situación cambiante para poder seguir desfrutando do deporte seguro”. 

 Xunto ao concelleiro de Deportes e ao de Participación Veciñal, Germán Fernández Rodríguez e Ramón Fernández Leal, respectivamente, o Consello está integrado por representantes do Acanor Novás Valinox de balonmán, da U.D. Ribera de fútbol, da Sociedade Atlética do Trega, do Club Ciclista O Rosal,  e dos clubs de petanca, fútbol gaélico, futgolf ou judo. Tamén conta coa participación de deportistas relacionados co décatlon ou o trial, como o olímpico David Gómez e o piloto Gabriel Marcelli, coa futbolista Sara Álvarez, o activista deportivo Ignacio Rivas, o ciclista Christian Silva, o asesor deportivo Víctor Valderradama, o ex ciclista profesional e animador deportivo Serafín Martínez ou o profesor de Educación Física xa retirado Félix Piñel. 

 Neste primeiro encontro por videoconferencia abordouse a propia constitución do Consello e fíxose a primeira toma de contacto deste órgano. Así, na reunión explicáronse as liñas xerais da folla de ruta do Concello no ámbito deportivo, na que se contempla tamén unha descentralización para levar a actividade deportiva aos barrios. Por outro lado, durante o encontro abordáronse cuestións como a promoción do deporte base, a necesidade de maior información sobre as instalacións deportivas municipais e de asesoramento en materia de subvencións e axudas, a posibilidade de colaboración con municipios da contorna para o aproveitamento de recursos, a adaptación e creación de instalacións contando co asesoramento dos propios técnicos e deportistas, a realización de novas actividades ou o fomento do apoio económico entre as empresas. 

 O Consello Municipal de Deportes súmase así ao de Cultura, o de Igualdade e ao de Desenvolvemento Local, que buscan crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA

O AECT Río Minho habilita un rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira con Portugal para reclamar indemnizacións  

O formulario pode cumplimentarse en liña na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de perxuizo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela da outra marxe 

Nas primeiras horas de funcionamento xa se rexistraron máis dunha ducia de reclamacións

 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT, con alcaldes e traballadores da ´raia´miñota, nunha das pontes internacionais que permanece pechada - Fotos: D.PO.

 

Infogauda / O Baixo Miño

  O AECT Río Minho ten operativo dende hoxe o rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Nas primeiras horas dende a súa posta, sen aínda difusión oficial, o rexistro xa recibiu máis dunha ducia de reclamacións, que se prevé aumenten considerablemente nos vindeiros días.

  O obxecto deste rexistro é coñecer a casuística de cada unha das persoas afectadas e poñerlle nome e apelidos a unha situación que está a prexudicar a un elevado número de persoas que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos.

 

Na imaxe dous dos traballadores transfronteirizos afectados polo peche das fronteiras

 

 "Sabemos que hai moitas persoas afectadas e ata o de agora dirixíanse aos seus concellos, as administracións máis cercanas, para queixarse e saber como actuar. Con esta iniciativa do AECT queremos centralizar as reclamacións nunha ‘oficina de afectadas' conxunta e traballar co fin de tramitar posibles indemnizacións, xa que entendemos que o territorio do Miño debe ser compensado economicamente pola decisión dos estados de pechar a fronteira e non deixar máis que un paso. Hai un grande impacto que iso está a ter na economía", explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez Fernández.

  No formulario en liña (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.

  Todos estes prexuízos que xa foron constatados polo estudo socioeconómico elaborado polo profesor Xavier Cobas da Universidade de Vigo, no que se puña de manifesto o dano que o peche da fronteira engade á situación da pandemia na economía miñota. As perdas de facturación cifráronse en máis de 92 millóns de euros só nos sectores de hostalería e comercio a consecuencia do primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal na primeira vaga da pandemia, entre o 17 de marzo e o 30 de xuño do pasado ano. "Para este novo peche de fronteiras -lembrou Benítez- prevese que ‘Efecto Fronteira' sexa maior, xa que hai máis actividade económica aberta".

  Benítez lembrou que o AECT presentará alegacións ao programa operativo POCTEP 2021-2027 que está en fase de exposición pública para que se garanta que os fondos se destinen ás zonas de raia e se creen partidas específicas para a zona do Miño. Tamén se prevé aprobar unha moción sobre este tema nos 26 concellos para reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

CULTURA

O Museo de Pontevedra acolle a exposición do "fotógrafo galego máis internacional": 'José Suárez 1902-1974'  

Os comisarios Xosé Luis Suárez-Canal e Manuel Sendón destacaron que o Museo sempre foi o lugar no que pensaron pechar a itinerancia da colección polo mundo, que comezou en 2015

 

O director do Museo de Pontevedra e os comisarios da exposición, na inauguración da mostra ‘José Suárez 1902-1974' - Fotos: D.PO.

 

Infogauda / Pontevedra

  "José Suárez foi o fotógrafo galego máis internacional, non só pola relevancia da súa obra, senón por unha vida nómade marcada polo exilio e que quedou reflectida nas súas imaxes". Con estas palabras o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, abriu hoxe a mostra ‘José Suárez 1902-1974' que se poderá visitar no Edificio Castelao ata o vindeiro 18 de abril. 

  A colección chega a Pontevedra, segundo explicou o director do Museo, despois de varios aprazamentos "pola complicada situación que vivimos", xa que estaba prevista para maio do pasado 2020 e se viu adiada polos peches temporais das instalacións museísticas con motivo da pandemia. "En todo caso, aquí está xa José Suárez e a súa extraordinaria obra. Agardemos que a gocedes tanto coma nós", resaltou Rey.

  O comisario da mostra Xosé Luis Suárez-Canal indicou que a exposición de Suárez no Museo de Pontevedra ten "un significado particular" e que, de feito, cando en 2015 se iniciou a itinerancia polos países nos que viviu e traballou o fotógrafo "había a idea clara de que rematase no Museo". O motivo non foi outro que o Museo foi o único sitio no que José Suárez quixo depositar parte da súa obra, 150 fotos en formato 6x6, unha colección importante e extraordinaria da que nalgúns casos non existen nin negativos.

  A exposición percorre toda a traxectoria profesional do autor a través da exhibición dunha selección de 150 fotografías, máis un número importante de cartas, documentos libros, audiovisuais e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa biografía profesional. Está dividida en tres partes, seguindo o percorrer da vida do fotógrafo, e todas as pezas teñen o formato 30x40 como no seu momento dispoñía Suárez, grazas a copias de autor, copias de época e copias actuais tomadas a partires de negativos.

 


 

  Unha primeira sección da mostra fala de ‘Os anos 30: Por terras de Salamanca e Mariñeiros', outra do ‘Exilio. 1936: Neve na Cordilleira, América del Sur, Xapón e Retratos', e a terceira e última do ‘Retorno. 1959: La Mancha, Touros, Mediterráneo, Inglaterra e Galicia Anos 60'.

  Suárez-Canal destacou de José Suárez o uso da linguaxe fotográfica tomada das vangardas, afastada do costumismo, a súa relación co cine e a súa relación coa intelectualidade galega do exilio, as súas viaxes a Punta del Este e a Xapón ou o seu regreso a España "nun momento equivocado" co franquismo aínda presente para "ver viva á súa nai", deixando de lado o recoñecemento que tiña no exilio na Arxentina.

 


 

  Pola súa banda, o outro comisario, Manuel Sendón, salientou a fotografía de José Suárez como "totalmente distinta á dos fotógrafos históricos en Galicia", fuxindo tanto das fotografías de encarga como das que se presentaban a premios "e facendo uso dela como ferramenta de expresión para abordar os temas que lle parecían interesantes".

  "Hai traballos que teñen unha dimensión extraordinaria, como ‘Mariñeiros', que transcende o marco galego. No Estado Español é difícil atopar un traballo desa intensidade", indica Sendón, para destacar tamén a visión cinematográfica de Suárez, o uso das vangardas, o seu carácter humanista con posicionamentos incluso panfletarios e, en xeral, a calidade excepcional da obra.

GALICIA

A Xunta de Galicia publica no DOG a convocatoria das probas para obter o certificado de aptitude profesional para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada  

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizará este ano 6 convocatorias de exames de distintas categorías, aproximadamente unha cada dous meses 

    Foto: X.G.
 

A primeira convocatoria prevese realizar entre finais do mes de marzo e abril  

As categorías de camión, autobús e remolque serán obxecto destas probas  

O certificado de aptitude profesional, que acredita que o condutor superou os cursos e os exames esixidos, é expedido pola Dirección Xeral de Mobilidade  

Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte

Infogauda / Galicia

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas para obter o certificado de aptitude profesional para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

 A Xunta realizará ao longo deste ano 2021 un total de 6 convocatorias, aproximadamente unha cada dous meses, prevéndose a primeira entre finais de marzo e principios de abril.

 Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta convocatoria: https://bit.ly/2NT9u35

 As datas concretas para a realización de cada proba e os prazos de inscrición, que se poden ver afectados pola evolución da covid-19, serán publicados coa necesaria antelación no apartado de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade: https://bit.ly/3qeEkk0

Categorías

 Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos, é dicir, para camión (C), autobús (D) e remolque (E).

 De modo máis concreto, convocaranse exames para as categorías D1, que inclúe vehículos de non máis de 16 pasaxeiros ademais do condutor e remolque ata 750 kg; D1 + E, que lle engade á anterior descrición o remolque de máis de 750 kg.

 Tamén se desenvolverán probas para as categorías D, é dicir, vehículos de máis de 8 pasaxeiros e sen límite superior ademais do condutor e remolque ata 750 kg; ou D + E, que engade á anterior descrición a posibilidade de remolque de máis de 750 kg.

 No caso dos camións, convocaranse probas para o certificado C1, para vehículos de 3.500-7.500 MMA, ata 8 pasaxeiros; C1 + E, con remolque de máis de 750 kg; C, para camións de máis de 3.500 MMA e remolque de ata 750 KG; ou C + E, vehículos de máis de 3.500 MMA e sen límite e remolque de máis de 750 kg.

 Cómpre lembrar que a Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, establece esta nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

 A convocatoria destas probas correspóndelle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade.

 O certificado de aptitude profesional acreditará que o condutor superou os cursos e os exames esixidos e será expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada.

 Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.

IGUALDADE

O Gaiás analiza no marco do 8M os desafíos do liderado feminino con profesionais da arte, da tecnoloxía e da espiritualidade  

A vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e primeira muller en dirixir unha Escola de Enxeñería en Galicia, Edita de Lorenzo, e a propietaria da galería Trinta, Asunta Rodríguez, son dúas das convidadas 

Participarán tamén a activista en teoloxía e feminismo, Marisa Vidal Collazo, e a antropóloga especialista en estudos feministas, Guadalupe Jiménez-Esquinas  

Poderán seguirse en retransmisión en directo, o sábado 6 de marzo ás 12,30 horas na canle de Youtube da Cidade da Cultura

 

Infogauda / Santiago de Compostela

  A Cidade da Cultura de Galicia programa este sábado 6 de marzo tres diálogos en liña –retransmitidos a través da súa canle de Youtube– para analizar a participación da muller na adopción de decisións e en roles de liderado en distintos ámbitos, poñendo o acento en tres sectores profesionais onde tradicionalmente a presenza masculina ten sido maioritaria, como poden ser o da tecnoloxía, o comisariado de exposicións e a dirección de galerías de arte, ou a Igrexa. A actividade está enmarcada nos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller que se celebra o próximo 8 de marzo.

 Estes encontros dixitais que se retransmitirán en directo ás 12,30 horas do sábado, constarán de tres conversas de 15 minutos –conducidas pola antropóloga especialista en estudos feministas Guadalupe Jiménez-Esquinas– con tres mulleres de dilatada experiencia profesional. Así, contarase coa participación da doutora enxeñeira en Telecomunicación Edita de Lorenzo, vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e primeira muller á fronte dunha Escola de Enxeñaría de Galicia, concretamente da de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que dirixiu entre 2009 e 2017 e onde é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións.

 Desde o ámbito da cultura compartirá a súa experiencia Asunta Rodríguez, propietaria da galería compostelá Trinta, que dirixe desde hai 30 anos e coa que conta cunha extensa traxectoria en Arco, onde recibiu en 1995 o premio á mellor galería española. Por último, o encontro analizará tamén o papel da muller no ámbito da Igrexa a través da visión de Marisa Vidal Collazo, integrante desde hai máis de 20 anos da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria, cunha extensa traxectoria de activismo no campo da teoloxía e o feminismo.

 Todas elas partirán da súa experiencia vital para reflexionar sobre a situación pasada, presente e futura das mulleres na toma de decisións e a súa presenza en sectores e papeis cun liderado habitualmente masculino. Non en van, o lema escollido para a actividade vai na liña do de ONU Mulleres para o 8M deste ano –Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da covid-19–.

Convidadas de referencia

 Edita de Lorenzo é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, da que foi directora entre 2009 e 2017. Ademais é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) dende maio 2017; secretaria da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal dende xuño 2017; e vogal (experta en tecnoloxía) da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia dende 2011. Foi tamén directora xeral de PuntoGal (2014-2017) e Comisionada para o Vigo Tecnolóxico na Universidade de Vigo (2017-2018).

Asunta Rodríguez é licenciada en Historia da Arte pola USC e propietaria da galería compostelá Trinta desde 1993 –dirixíndoa xa desde 1991–. Recibe o premio á mellor galería española en Arco'95 e en 2015 o premio da Cultura de Galicia outorgado pola Xunta de Galicia; tamén en 2015 é nomeada membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de expertos das artes; e en 2016 recibe o galardón á mellor galerista outorgado por MAV (Mulleres nas Artes Visuais).

 Completa o trío de convidadas a estes encontros en liña Marisa Vidal Collazo, profesora de secundaria de física e química que ademais conta cunha extensa traxectoria de activismo no campo da teoloxía e o feminismo, que artella desde a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria –á que pertence desde hai máis de 20 anos– e outros espazos como a Rede Miriam, ou a Asociación de Teólogas Españolas. É ademais secretaria de redacción da revista Encrucillada, revista galega de pensamento cristián onde ten escrito diversos artigos sobre muller e Igrexa, e colaboradora da revista Irimia.

 A conversa con cada unha das convidadas estará conducida pola antropóloga social e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Guadalupe Jiménez-Esquinas. A súa investigación sobre as mulleres da Costa da Morte recibiu o premio á mellor tese sobre estudos feministas da EHU/UPV e tamén recibiu o primeiro premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación en 2017. As súas liñas de investigación poden enmarcarse nos estudos críticos do patrimonio dende unha perspectiva feminista.

CULTURA

A Xunta de Galicia abre ao público en Santiago a exposición homenaxe á ilustradora Lolita Díaz Baliño con pezas orixinais da autora  

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitaron a mostra enmarcada nos actos do Día da Ilustración que tiveron que aprazarse pola situación sanitaria e que se poderá ver ata maio 

 

A Biblioteca da Cidade da Cultura acolle máis de 60 pezas que repasan a vida e obra da artista, a primeira muller en integrarse na Real Academia de Belas Artes


Infogauda / Santiago de Compostela

  O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitaron hoxe a exposición Lolita Díaz Baliño, a discreción imposta dunha grande artista, coa que a Xunta de Galicia homenaxea este ano á que foi a primeira muller en integrarse na Real Academia Galega de Belas Artes. A mostra –concibida no marco do Día da Ilustración do pasado 30 de xaneiro– retoma así a súa versión presencial despois de ter sido aprazada por mor da situación sanitaria das últimas semanas, aínda que estivo dispoñible de xeito online.

 Como explicou Anxo M. Lorenzo, trátase dunha mostra imprescindible para coñecer o legado profesional e vital da fotógrafa, pintora, profesora e ilustradora Lolita Díaz Baliño, “unha figura clave para o pasado e futuro da ilustración e das artes galegas”, indicou. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade animou a achegarse ata a Cidade da Cultura de Galicia para seguir gozando da cultura dun xeito seguro con propostas como esta na que se poden ver ata 60 pezas documentais, tanto orixinais como facsímiles, que retratan a vida e obra da ilustradora coruñesa, falecida no ano 1963.

 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, pola súa banda, ademais de poñer en valor o traballo que desenvolveu Lolita Díaz Baliño, lembrou que a Xunta ten en marcha o proxecto Aprende coas mulleres galegas, co que se está a achegar información e actividades para dar a coñecer e afondar na vida de mulleres destacadas da Comunidade galega en diferentes ámbitos. Nesta iniciativa, que se pode consultar na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, inclúese unha ficha informativa sobre o labor de Díaz Baliño.

Saga de artistas

 En concreto, a exposición inclúe un espazo dedicado á familia de Lolita, unha verdadeira saga de artistas de Galicia, e unha zona na que se fai referencia á figura persoal e á traxectoria profesional e vital. Ademais, tamén se recollen os estudos e traballos sobre a obra desta artista e se fai un repaso da súa obra como ilustradora. Poderanse ver os seus traballos en publicacións como Galicia, Céltiga ou Mariñana, entre outros.

 Os fondos que se expoñen son documentos orixinais e copias da colección de fondos propios da Biblioteca de Galicia, e tamén reproducións virtuais que se poden consultar tamén a través da plataforma Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia. A exposición pode verse en horario 9,00 a 21,00 horas ata o 13 de maio. En calquera caso, o secretario xeral de Cultura explicou que as persoas que non poidan desprazarse a Santiago de Compostela para ver a mostra, poden visitala a través da súa páxina web.

LABORAL

CONCENTRACIÓN DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DE RTVE GALICIA: NON AO REPARTO DE CROMOS EN RTVE  

Asunto: concentración dos traballadores de RTVE Galicia contra o proceso de renovación do Consello de Administración de RTVE.  

Lugar: en Santiago, diante do Centro Territorial de RTVE en San Marcos. Na Coruña, na entrada principal do edificio da Terraza, nos xardíns de Méndez Núñez.  

Data e hora: mércores, 3 de marzo de 2021 ás 10h

Suso Rivas* / Galicia

 Os traballadores e traballadoras de RNE e TVE en Galicia rexeitamos o proceso de renovación do Consello de Administración de RTVE, que culminou este luns coa publicación no BOE dos nomes dos novos conselleiros e conselleiras.  

 Malia as promesas de despolitización da radio e a televisión públicas, unha vez máis as formacións políticas estatais optaron pola designación de cargos en base a cotas partidistas. De nada serviron as promesas de impulsar un concurso público, baseado na traxectoria, mérito e capacidade dos candidatos, coa fin última de garantir a independencia de RTVE.   

 Para amosar o noso total rexeitamento a este reparto da “torta” da radio e televisión públicas estatais, concentrarémonos este mércores diante dos nosos centros de traballo.   

 *Membro do comité de empresa de RTVE-Galicia pola CGT.

LABORAL

A CIG-Industria denuncia que o convenio do Grupo Iberdrola que se vén de publicar precariza as condicións laborais 

“Supón unha baixada salarial do 10% para o novo persoal, a eliminación da antigüidade por trienios e recortes en beneficios sociais”, denuncia a central sindical

Infogauda / Galiza

 A federación de Industria da CIG denuncia que o VIII convenio colectivo de Iberdrola Grupo que foi asinado en decembro polos sindicatos SIE, ATYPE e USO, e que hoxe sae publicado, supón un empeoramento das condicións laborais e sociais do persoal. O acordo suporá unha baixada salarial do 10% para o novo persoal, a eliminación da antigüidade por trienios -o que suporá a perda de 47.000 euros en toda a vida laboral- e recortes en distintos beneficios sociais, como a segunda tarifa de empregado/a para os actuais e futuros/as xubilados/as. Mais tamén unha nula revalorización dos salarios, perdendo poder adquisitivo e primando a retribución variábel sobre a fixa. 

 Segundo a central sindical, os propios sindicatos asinantes recoñecen que o acordo está moi lonxe das plataformas negociadoras, “pero asumen os recortes propostos pola empresa”. En consecuencia, a maioría dos traballadores/as consideran regresivo o convenio e non coñecen con certeza cal vai ser o seu impacto no emprego e nos salarios, “xa que o que van a percibir nos próximos catro anos depende moito de valoracións dos seus xefes/as, que na maioría dos casos van ser subxectivas”. 

 Dende a CIG critican que Iberdrola e os sindicatos ATYPE, SIE e USO pactasen unha baixada do 10% do soldo aos novos/as empregados/as, “ao que hai que engadir que Iberdrola convocou en decembro a 200 traballadores/as que segundo a empresa “han decidido abandonar el grupo” a cambio do 80% do salario e dunhas compensacións en especie (luz e contribución aos plans de pensións). “O obxectivo da compañía era imputar estes gastos no ano 2020, e pechar o convenio con estes recortes”. 

 Ao mesmo tempo, acordaron a eliminación do concepto de antigüidade por trienios, pasando a percibirse en quinquenios, o que supón unha rebaixa de 47.000 euros en toda unha vida laboral. Tamén eliminaron beneficios sociais como a segunda tarifa de empregado/a para os actuais e futuros/as xubilados/as do grupo, “outro machadazo ao peto do cadro de persoal”. E asinaron unha nula revalorización dos salarios, perdendo poder adquisitivo e primando a retribución variábel sobre a fixa. 

 Con todo, na CIG entenden que os recortes aínda non terminaron, xa que durante a negociación colectiva Iberdrola advertiu que no Estado español sobraban unhas 1400 persoas, un 15% do persoal; polo que os plan de empresa pasan por baixas incentivadas “consensuadas e selectivas”. De feito, nos últimos anos xa se desfixo de mais de 3000 empregados/as por este método. 

 E iso a pesar de que a compañía obtivo un beneficio de 3610 millóns de euros en 2020, un ano marcado pola covid, representando un 4,2% máis que no mesmo período do ano anterior (sen covid). Polo que o crecemento sería do 10% se se exclúe o impacto da pandemia, que foi de 238 millóns de euros durante o exercicio. A empresa estima alcanzar un beneficio neto de entre 3700 e 3800 millóns de euros en 2021, “admitindo que isto é posíbel grazas ao gran esforzo do seu persoal e ao seu compromiso nun ano tan difícil como este, no que tiveron que seguir traballando a pesar da pandemia, incluso poñendo ao dispor da empresa os seus propios vehículos persoais para prestar o servizo e facer as gardas (sendo ameazados/as en caso de negarse)”. 

 Para rematar, censuran que Iberdrola presuma en redes sociais do seu persoal e do coidado polas zonas onde opera “pero realmente prefire seguir despedindo e pechando centros de traballo, e con iso eliminando postos de traballo nos lugares nos que extrae a enerxía -como acontece co Centro de Operación de Cuenca (COC) do río Sil, situado na Rúa, en Ourense-, enerxía que logo vende aos seus usuarios/as a prezos exaxeradamente altos como estamos a ver; tamén prefire repartir os seus beneficios cos fondos de investimento doutros países en forma de dividendos e non investindo nos seus empregados/as, xa que os ven simplemente como un gasto”.

MOVEMENTOS SOCIAIS

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG mobilizarase este xoves por unhas pensións dignas 

Demandan que a pensión mínima sexa igual o SMI e un servizo público de atención ás persoas  

Infogauda / Santiago de Compostela

 O colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG convoca mobilizacións para o vindeiro xoves, día 4 de marzo, nas sete cidades galegas e Cangas. Demanda, entre outras cuestións, que se equipare a contía da pensión mínima ao SMI, un servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias. 

Concentracións colectivo xubilados/as 

Ourense: 11.30h diante do INSS 

Lugo: 11h, Edificio Xunta 

Vigo: 11h Farola de Urzaiz 

Cangas: 11.30h diante do Concello

Ferrol: 11h, diante do INSS 

Santiago: 11h, praza do Toural 

A Coruña: 11h, Subdelegación do Goberno 

Pontevedra: 11h praza da Peregrina 

 O colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG denuncia que "as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado. Máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706€. Unha situación que empeora no caso das mulleres porque a pensión media dun galego é case 300€ maior que a dunha galega. Das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres. 

 Estes datos xa xustificarían, para o colectivo, as mobilizacións. Porén nas súas demandas van máis alá. Exixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE como o PP impuxeron no seu momento. Entenden que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e entenden tamén que tan só depende de que haxa vontade política.  

 O colectivo está pendente ademais dos contidos da anunciada reforma das pensións que, todo parece indicar que consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013". 

Servizo Público de Atención ás Persoas 

 Ademais o colectivo defende "a necesidade de que se cree un Sistema Público de Atención ás Persoas que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa. Unha rede única de xestión, 100% pública, dotada tanto das infraestruturas como dos medios materiais e de recursos humanos necesarios. 

 Para conseguilo a CIG promoveu unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para a que xa botou a andar a recollida de sinaturas, que se desenvolverá nos vindeiros catro meses. Un período no que a central sindical ten previsto realizar actos diversos en vilas e cidades do país para sumar os máximos apoios para esta iniciativa".