7 de dec. de 2021

VIGO

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou na presentación do proxecto de humanización da fronte portuaria 

A Xunta de Galicia e o Porto de Vigo colaborarán na integración urbana do borde litoral da cidade completando o itinerario peonil e ciclista entre Bouzas e Guixar cun investimento de 5 M€  

Vázquez Mourelle destaca que a Xunta achegará o financiamento maioritario, 3,5 M€, para desenvolver as obras de humanización e de mobilidade sostible nos treitos da avenida de Beiramar e no Berbés

Detalla que a Autoridade Portuaria está a ultimar a redacción dos proxectos construtivos para asinar o convenio coa Xunta no primeiro trimestre de 2022 e, a continuación, iniciar a contratación dos traballos


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou na presentación do proxecto de humanización e mellora da mobilidade na fronte portuaria

Foto. X.G.

Infogauda / Vigo

 A Xunta de Galicia e o Porto de Vigo colaborarán na integración urbana do borde litoral da cidade completando o itinerario peonil e ciclista entre Bouzas e Guixar cun investimento de 5 millóns de euros para actuar, en concreto, no Berbés e na avenida de Beiramar.

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou na presentación do proxecto de humanización e mellora da mobilidade na fronte portuaria.

 Vázquez Mourelle manifestou a vontade de colaboración da Xunta para que Vigo recupere a fronte litoral coa construción dun itinerario peonil e ciclista, que é a primeira das actuacións comprometidas para desenvolver cos fondos europeos de reconstrución ‘Next Generation’ consignados para o fomento da mobilidade sostible.

 A conselleira salientou que o Goberno galego colaborará co Porto, en concreto, no desenvolvemento dos treitos de Beiramar e do Berbés. Estas obras suporán un investimento de preto de 5 M€ para os que a Xunta achegará o financiamento maioritario, 3,5 millóns de euros.

 A Autoridade Portuaria atópase actualmente ultimando a redacción dos proxectos construtivos co fin de asinar o convenio de colaboración no primeiro trimestre de 2022 para, a continuación, iniciar a contratación dos traballos.

 A conselleira concretou que na fronte portuaria do Berbés- Portocultura, entre o Centro Comercial A Laxe e o porto pesqueiro, prevese darlle continuidade á senda peonil e ciclista da zona portuaria salvando a interrupción que causan a cota baixa da praza do Berbés e os accesos ao túnel de Beiramar. Apuntou que este fin se pretende acadar mediante unha solución compatible coa operativa portuaria e co paso dos transportes especiais. Para conseguilo será preciso un investimento de algo máis de 1 M€.

 A implicación da Xunta tamén abranguerá a execución dunha actuación máis complexa e ambiciosa en Beiramar, entre a rúa Coruña e San Miguel de Bouzas. Neste eido proponse intervir ao longo de 1,6 km coa humanización do viario portuario, que incluirá a ampliación das beirarrúas para permitir o tránsito peonil e ciclista, a dotación de mobiliario urbano, iluminación eficiente, zonas verdes e de aparcadoiro. Esta actuación, compatible coa actividade portuaria, sumará un investimento de case 4 M€.

 Estas intervencións estenden o ámbito no que o Porto xa está a traballar, con obras nas Avenidas e Beiramar, e permiten darlle continuidade ao tránsito peonil e ciclista na fronte portuaria entre O Areal e a terminal de Bouzas, completando un percorrido de 7,4 km, cun investimento global de 14 millóns de euros.

Aposta por Vigo

 Ethel Vázquez puxo en valor a aposta da Xunta por seguir facendo cidade en Vigo, que conta xa cun hospital público de referencia estatal, cunha depuradora de vangarda que garante o saneamento das augas da ría ou cun gran centro de transporte público e comercial no que pronto se porá en marcha a estación de autobuses intermodal.

 Tamén lembrou a ampliación do recinto feiral, Ifevi, preparado para acoller novos eventos de atracción internacional, así como a Cidade da Xustiza que, ademais de garantir o mellor servizo aos cidadáns, suporá a recuperación dun emblema histórico para os vigueses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario