16 de dec. de 2021

VIGO

Persoal de Ilunion clama contra a explotación laboral diante  das empresas da automoción viguesa Benteler e Lear 

Tanto os propios/as afectados/as como a CIG-Industria reclaman que se  lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo 


Traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo  ONCE, continuaron hoxe co calendario de mobilizacións. Nesta ocasión trasladáronse ao parque tecnolóxico e loxístico de Valadares para desenvolver sendas  protestas diante das instalacións das empresas do sector da automoción Benteler e Lear, nas que  prestan servizo os traballadores/as de Ilunion

Fotos: CIG



Infogauda / Vigo

 Traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo  ONCE, continuaron hoxe co calendario de mobilizacións para rexeitar a precariedade e a explotación laboral que padecen nas compañías da automoción viguesa nas que prestan servizo e para reclamar  que se lles aplique o convenio do sector ao que pertencen as compañías. 

 Nesta ocasión trasladáronse ao parque tecnolóxico e loxístico de Valadares para desenvolver sendas  protestas diante das instalacións das empresas do sector da automoción Benteler e Lear, nas que  prestan servizo os traballadores/as de Ilunion. 

 Con esta campaña de mobilizacións, que se iniciou o pasado 28 de outubro cunha concentración na  sede da ONCE e continuou o 18 de novembro con outra na entrada principal de Stellantis, o cadro de persoal de Ilunion quere denunciar os altos ritmos de traballo aos que está sometido, así como a falta  de formación obrigatoria, algo especialmente grave ao tratarse de persoas con capacidades especiais. 

 Dende a federación de Industria explican que os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo  en compañías do automóbil como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas  condicións de precariedade -ingresan o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de  traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave  tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas. 

 Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman  que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental para poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as.

Ningún comentario:

Publicar un comentario