14 de dec. de 2021

OIA

O Concello de Oia obtén 1,5 millóns de euros para crear novas infraestruturas e oferta turística sostible   

As actuacións desenvolveranse no período 2022-2024 e contribuirán a posicionar o municipio como destino turístico lento e de natureza    

 

Entre as principais liñas de actuación incluídas no proxecto está a rehabilitación do antigo cámping Pedra Rubia de Mougás

Infografía: Concello de Oia
 

Infogauda / Oia

 A alcaldesa Cristina Correa Pombal, fixo público no día de hoxe que "o Concello de Oia vén de conseguir un investimento de 1,5 millóns de euros destinados á creación de novas infraestruturas turísticas e á diversificación da oferta turística do municipio vinculada ao Camiño de Santiago.   

 Estas actuacións realizaranse no marco da convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade do Plan Nacional Xacobeo 2021-2022, financiada con cargo aos fondos de recuperación europeos Next Generation.  

 O obxectivo do Plan de Sustentabilidade desenvolvido polo Concello de Oia é crear novos produtos turísticos da man do sector e crear novas infraestruturas que permitan diversificar a oferta de aloxamento.   

 Tamén se actuará para embelecer diferentes zonas do municipio por onde transcorre o Camiño de Santiago e reforzar a oferta cultural e patrimonial".  

Liñas de actuación  

 A alcaldesa de Oia indica que "as actuacións previstas desenvolveranse no período 2022-2024 e contribuirán a posicionar o municipio como destino turístico lento e de natureza.  

 Entre as principais liñas de actuación incluídas no proxecto está a rehabilitación do antigo cámping Pedra Rubia de Mougás, o cal estará dotado de sistemas de iluminación eficiente, taquillas con sensores e sistema dixitalizado de chegada/saída (check in/check out, na terminoloxía habitual). Tamén contará con xeradores de enerxía cinética mediante bicicletas estáticas e bancos de remo e un sistema de separación de residuos propio.  

 Por outra banda, dedicaranse fondos á adecuación e mellora das rutas do Camiño de Santiago, así como á posta en marcha de ciclovías e rutas de sendeirismo e BTT.   

 Outras actuacións previstas son a recuperación de terreos degradados para uso construtivo e a apertura dunha convocatoria que permitirá ás pemes turísticas do concello adaptar as súas instalacións seguindo criterios de eficiencia enerxética.  

 Finalmente, o proxecto inclúe a creación dunha oficina de turismo dixital e a instalación de paneis inclusivos con sistema braille para a sinalización do Camiño de Santiago". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario