14 de dec. de 2021

O ROSAL

O Rosal ofrecerá este venres unha charla sobre a autonomía persoal e a súa importancia no crecemento dos nenos e nenas  

Será ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre dentro do programa do Concello “Educando en familia”  




Infogauda / O Rosal

 O programa “Educando en Familia” do Rosal, un espazo para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día, así como ferramentas para poder afrontalas, remata o seu primeiro trimestre este venres día 17 de decembro. Será coa charla “Autonomía persoal: importancia no desenvolvemento e aprendizaxe das crianzas”, que se vai impartir ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente. A alcaldesa, Ánxela Fernández, lembra que a entrada é libre ata completar aforo, aínda que para asegurar a asistencia as persoas interesadas poderán inscribirse previamente a través da web municipal. Ademais, ofrecerase servizo de canguro para facilitar a asistencia e conciliación de todas e todos os participantes.  

 A charla vai ser impartida pola terapeuta ocupacional, Lorena Guerra, e tratará sobre “a importancia de acompañar as crianzas no proceso de creación da súa autonomía persoal, e de como podemos detectar dificultades para que consigan potenciala e de estratexias que lles permitan facelo por si mesmos”. Tamén se abordará a importancia da relación entre autonomía e aprendizaxe escolar.  

 Esta charla é a última das catro que se organizaron este trimestre, pero o programa “Educando en Familia” co que o Concello estableceu un espazo onde as familias do Rosal poden escoitar e preguntar todas as súas dúbidas sobre a súa relación cos seus pequenos e pequenas, volverá ao inicio do ano que vén. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario