O Rosal comeza cos seus obradoiros de Nadal
O Concello organiza este mércores ás 11.00 horas unha formación en imprenta de xelatina na escola Simón del Mazo
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal quere acercar a reciclaxe e a sostibilidade á veciñanza este Nadal con cinco obradoiros. O primeiro deles organízase este mércores ás 11.00 horas na escola Simón do Mazo e consistirá nun taller de imprenta de xelatina onde as persoas asistentes poderán observar de primeira man como se realiza esta técnica de impresión ao alcance de todos e todas.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima á veciñanza a asistir a estes obradoiros e lembra que o do mércores será con entrada libre, mentres que os seguintes terán un custo de 2 euros por persoa e requirirán inscrición a través da web do Concello. O día 27 haberá un adicado a facer cestas e cadernos, o 28 un de calcenecos, o 29 un de adornos con latas e vidro e o 3 de xaneiro un de reutilización de camisetas. Todos serán no Espazo de Autoarranxo do Concello.
A concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente Salcidos, destaca que estes obradoiros son “un pasiño máis do noso Concello cara un mundo mellor”, e están enmarcados dentro da Axenda 2030 da ONU á que O Rosal se adheriu este ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario