O Profesol Gestal é autor do libro “Pandemias. As epidemias que arrasaron a humanidade”
“Debemos de ser moi prudentes para evitar contaxiarnos e poder gozar destas festas sen ter que acabar no hospital”, sinala o Profesor Juan J. Gestal Otero ante o rápido crecemento da sexta onda
• O 27 de decembro é o Día Internacional da Preparación ante as Epidemias, unha data que “permitirá motivar aos países para facer fronte aos desafíos infecciosos que poden presentarse en calquera momento”, explica o profesor emérito da USC
• O Profesor Gestal asegura para corrixir as deficiencias que mostrou o sistema sanitario “precísase dotación de recursos humanos, renovación tecnolóxica e cambios nos modelos de xestión”
Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela
Este luns, 27 de decembro, conmemórase o Día Internacional da Preparación ante as Epidemias, unha data que pretende visibilizar a importancia da prevención das epidemias e a preparación e a colaboración para darlles resposta.
“O que Nacións Unidas en 2020 declarase, o 27 de decembro como Día Internacional de Preparación contra Epidemias é, sen dúbida, unha consecuencia do ocorrido coa pandemia de COVID-19, que colleu a moitos países sen estar adecuadamente preparados para facerlle fronte”, sinala o Dr. Juan J. Gestal Otero, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela.
“A celebración deste día permitirá chamar a atención aos países e motivarlles a prepararse para fai fronte aos desafíos infecciosos que poden presentarse en calquera momento”, sinala un dos maiores expertos en Saúde Pública que tivo un relevante papel divulgador desde o inicio desta pandemia co fin de loitar contra a desinformación e as noticias falsas coa mellor arma: información contrastada, veraz e con rigor científico.
O Profesor Gestal publicou este ano o libro Pandemias. As epidemias que arrasaron a humanidade (Ed. Bolanda, 2021) na que expón, de maneira amena e con gran rigor científico, datos, anécdotas e curiosidades para desmitificar algo que acompañou á humanidade desde o inicio dos tempos.
“No noso país a COVID-19 puxo en evidencia moitas deficiencias do noso sistema de saúde que esixen urxentes reformas. Algunhas xa eran coñecidas con anterioridade e a crise agudizounas, e outras se puxeron de manifesto durante a pandemia, tanto en saúde pública como en atención primaria e atención hospitalaria”, explica o Dr. Gestal. “Para a súa corrección precísase dotación de recursos humanos, renovación tecnolóxica e cambios nos modelos de xestión e de organización do traballo, con menos burocracia e máis tempo para a atención dos pacientes”.
O Profesor Gestal insiste en chamar a atención sobre as “deficiencias en Saúde Pública, a gran esquecida, a cincenta do SNS, que precisa urxentes reformas, se non queremos volvernos a ser excedidos pola próxima pandemia. Reformas en profundidade que a modernicen e doten adecuadamente de orzamento e de persoal, melloren a vixilancia epidemiolóxica e a súa capacidade de intervención, e intégrena coa asistencia sanitaria, unha materia pendente desde fai máis de trinta anos”.
Recomendacións ante outro Nadal complicado
“Estamos nun momento de crecemento rápido da sexta onda na que a variante ómicron pasou en apenas dúas semanas de supoñer menos do 4 % a máis do 50 % de todos os illamentos. Son cadros máis leves ou asintomáticos na maioría dos infectados, pero tamén hai cadros graves polo que debemos protexernos”, advirte o Profesor Gestal. “Nestas datas de Nadal nas que nos estamos reencontrando cos nosos familiares e amigos debemos de ser moi prudentes para evitar contaxiarnos e poder gozar destas festas sen ter que acabar no hospital”.
Entre as principais recomendacións que fai o experto están evitar as aglomeracións e reunirse para comidas e ceas só coas persoas que o facemos habitualmente. Se non é posible, facelo cun número reducido de persoas e adoptando medidas de prevención: ventilación, uso de máscara FFP2, distancia de seguridade e hixiene de mans. “Cuanto maior sexa o número de persoas coas que nos reunamos máis posibilidades hai de que algunha poida ser asintomática e transmítanos a infección” lembra o experto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario