O BNG de Tui organiza unha palestra informativa sobre a instalación dun novo parque eólico no Baixo Miño
A formación nacionalista organiza mañá, venres 19 de novembro, ás 20:30h no Hotel Colón, unha palestra informativa sobre o Proxecto Eólico do Albariño I na que contarán coa presenza de Luis Bará, deputado no Parlamento Galego.
Infogauda / Tui
O Bloque Nacionalista Galego na Comarca do Baixo Miño vén de mostrar este martes a súa oposición ao proxecto eólico Albariño I polo seu impacto ambiental e patrimonial “crítico” na serra da Groba. Desde a fronte nacionalista presentaron alegacións para esixir que se denegue a autorización administrativa para a instalación neste espazo natural dun parque que afectaría aos concellos de Baiona, Gondomar, Tomiño e Oia.
“Este novo parque representa unha nova ofensiva tamén para a localidade de Tui. Pois os efectos poden ser devastadores máis aló da zona afectada, comenta Xosué Campos que afirma que “frear o Albariño I é vital para evitar os outros 5 proxectos promovidos polo mesmo grupo empresarial e cuxas poligonais se solaparían”.
Para Carme Núñez, voceira municipal do BNG de Tui, “isto é un exemplo evidente da fragmentación fraudulenta de macroparques en pequenas pezas, para avaliar os impactos por separado. Unha práctica moi habitual en todo o país e que está permitida e alentada pola Xunta de Galiza”.
Desde o BNG de Tui, convidan a toda a cidadanía a participar desta palestra onde se informará sobre os impactos derivados do “boom eólico” no noso territorio. Será mañá, venres 19, ás 20:30h no Hotel Colón, con Luis Bará, deputado no Parlamento Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario