O BNG CELEBRA A SUBVENCIÓN PARA A REFORMA DO PAVILLÓN DA SANGRIÑA
Anxo Lois Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Agora o alcalde debe buscar urxentemente fondos doutras administracións para que a reforma poda executarse”
Infogauda / A Guarda
“O BNG celebra que se conseguira a subvención para a reforma do Pavillón da Sangriña”. Dese xeito vén de pronunciarse o portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, Anxo Lois Baz Vicente, quen á súa vez relembra: “No seu momento o BNG apoiou no pleno a presentación deste proxecto pola necesidade que temos de mellorar esta infraestrutura e tamén porque de non votalo favorablemente A Guarda perdería estes cartos dado que o goberno socialista non foi capaz de elaborar ningún outro proxecto para presentar ao Plan REACPON”.
O voto favorable do BNG non lle impediu aos nacionalistas denunciar nese momento “o escurantismo co que fora elaborado o proxecto e a falta de participación das entidades deportivas, traendo no último momento a Pleno para a súa aprobación e en tempo límite para poder presentalo”.
Asemade os nacionalistas afirman que “esta subvención é insuficiente xa que falta máis dun millón de euros para poder executar a obra”.
Por esa razón, Anxo Lois Baz declarou: “Recomendámoslle ao Goberno socialista que se poñan a buscar fondos urxentemente doutras administracións e ofrecémoslle diálogo e colaboración para facer posíbel a reforma do pavillón da Sangriña, lembrándolles que o BNG foi a forza política que garantiu co seu voto favorábel a subvención conseguida”. Para acabar concluíndo: “O BNG téndelle a man ao goberno municipal para sacar adiante o proxecto, mais non imos dar respaldo a unha xestión neglixente, escurantista e de feitos consumados no que resta de tempo para a execución desta infraestrutura”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario