3 de nov. de 2021

TOMIÑO

A alcaldesa presenta ao presidente da Xunta os proxectos de futuro en Tomiño  

Durante o encontro, ambos mandatarios abordaron a situación sanitaria, e ante a preocupación da alcaldesa pola espera na primaria, o presidente aseguroulle que a administración galega está a traballar para paliar a falta de profesionais   

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, foi recibida onte polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, foi recibida onte polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para comentar con ela os principais proxectos no Concello, como a iniciativa da posta en marcha dun polígono agroforestal.  

 Este proxecto, enmarcado ao amparo da Lei de recuperación da terra e que se situaría na zona da parcelaria dos Panascos, dedicaríase á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo, dous dos sectores produtivos máis destacados do municipio.   

 A alcaldesa agradeceu que o presidente a recibira (por primeira vez nos 14 anos de goberno) e aproveitou para convidalo a visitar Tomiño e coñecer de primeira man a problemática dos sectores produtivos, agradecendo poder comentar con el ademais, importantes proxectos como a ampliación do IES Antón Alonso Ríos, con máis de 600 alumnos na actualidade e situado nun municipio cun crecemento poboacional permanente.   

 Outro dos proxectos importantes para Tomiño e toda a comarca dos que falou a alcaldesa, para pedir o apoio da Xunta de Galicia, foi o do futuro parque de lecer transfronteirizo que inclúe a construción dunha pasarela peonil entre Goián e Vila Nova de Cerveira; proxecto que pola súa envergadura, non será posible sen a axuda dos Estados Español e Portugués (este último xa avanzou o seu apoio), así como do goberno autonómico. Neste sentido, a rexedora reclamou a disposición de fondos europeos do programa Next Generation.  

 Durante o encontro, ambos mandatarios tamén abordaron a situación sanitaria. Sobre ese punto e ante a preocupación da alcaldesa pola espera na primaria, o presidente da Xunta trasladoulle que a administración galega está a traballar para paliar a falta de profesionais na atención primaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario