Maica Larriba apela ao compromiso da mocidade da provincia para crear unha sociedade máis xusta e igualitaria
En total, premiáronse os traballos de dez estudantes da provincia
A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu a entrega de premios do V Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero organizado pola Subdelegación do Goberno co gaio do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Foto. S. de G.
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a entrega de premios do V Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero organizado co gaio do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A cerimonia tivo lugar no Salón de Actos da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Durante a súa intervención, a subdelegada quixo, en primeiro lugar, agradecer a participación de todos os escolares da provincia que remitiron os seus traballos e felicitar aos estudantes premiados. Tras visionar as obras gañadoras, Larriba asegurou sentirse “moi orgullosa, como docente e como subdelegada do Goberno do grao de compromiso que reflicten os traballos”.
Centradas na violencia vicaria, que era a temática do concurso nesta quinta edición, Larriba destacou “o xeito en que as obras galardoadas unha visión clara e nítida dunha das manifestacións máis crueis da violencia contra as mulleres”.
A subdelegada denunciou que “no que levamos de ano xa foron asasinados cinco menores á vez que as súas nais. Algúns destes casos tiveron gran eco na opinión pública, permitindo visibilizar esa violencia exercida contra as mulleres a través dos seus fillos e fillas tantas veces obviada e esquecida”.
Neste sentido, Larriba quixo insistir en que “a violencia contra as mulleres e contra os seus fillos e fillas é unha das principais lacras que temos como sociedade e na que cada un de nós xoga un papel moi importante para combatela”.
A subdelegada insistiu na finalidade do concurso que é converter aos estudantes da provincia en prescriptores desta loita, “trasladando a vosa contorna a realidade que moitas mulleres e os seus menores sofren ao longo da súa vida. Quérovos pedir a vosa colaboración para que a xeración que aquí representades sexa comprometida coa educación en igualdade de dereitos entre homes e mulleres. A única forma que teremos para acabar con esta realidade”.
Por último, Larriba agradeceu a o traballo realizado polo xurado, integrado por Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo; Andrés Fraga, profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo; Mónica Patxot, licenciada en Xornalismo e fotógrafa do xornal dixital Pontevedraviva; e Mª Belén Rubido da Torre, xuíza decana e titular do Xulgado Penal nº 4 de Pontevedra especializado en violencia de xénero.
Dez premiados de seis institutos da provincia
En total, dez escolares de seis institutos da provincia viron recoñecido o seu traballo. Os estudantes galardoados co primeiro premio recibiron un ordenador e os galardoados co segundo premio, unha tableta. Así mesmo, os dous accésits outorgados foron premiados cun vale de 100 euros:
• Categoría 1 (ESO, F.P. Básica, F.P. Ciclo Medio)
- Fotografia
Primeiro premio: Nerea Vázquez Lameiro, IES Ricardo Mella (Vigo).
Obra: “Pérdome ao teu lado”.
Segundo Premio: Anxo Barcala Balado, CPR Plurilingüe (Vigo)
Obra: “Cargando una maleta muy pesada”.
Accésit: Daniel Parada Sanmartín, Colexio Inmaculada (Marín)
Obra: “Deja huella”.
- Vídeo
Primeiro premio: Daniel Acuña Acuña, Colexio Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra)
Obra: “Sueños truncados”.
Segundo premio: Alba Sobreira García, CPR Plurilingüe (Vigo)
Obra: “Infancia perdida”.
• Categoría 2 (Bacharelato, F.P. Ciclo Superior)
- Fotografía
Primeiro premio: César Outón Fernández, IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra)
Obra: “Sonrisa desgarrada”.
Segundo Premio: Hugo Vidal Conde, Colexio Santiago Apostol (Soutomaior)
Obra: “Nooooo”.
Accésit: Antía Iglesias de la Torre, IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra)
Obra: “Alegoría madre e hija”.
- Vídeo
Primeiro premio: Inés Malvesada Rodiño, Colexio Santiago Apóstol (Soutomaior)
Obra: “Atrapado”.
Segundo premio: Nerea Bascuas Ríos, Colexio Santiago Apóstol (Soutomaior)
Obra: “Volver”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario