25 de nov. de 2021

PONTEVEDRA

Na provincia contabilizánse 1.235 casos activos de violencia de xénero   

Maica Larriba lembra ás 37 vítimas mortais de violencia de xénero e subliña a importancia de seguir traballando para erradicar unha das máis importantes eivas sociais 

· A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu o acto institucional celebrado co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres 

· Larriba  destacou a necesidade de seguir “traballando arreo” para lograr unha sociedade libre de violencias machistas 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe o acto institucional celebrado co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres na Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Fotos: S. do G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe o acto institucional celebrado co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Durante o acto, procedeuse a dar lectura á declaración institucional do Goberno aprobada polo Consello de Ministros con motivo do 25N e a gardar un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas da violencia machista.   

 O acto enmarcouse dentro das actividades convocadas polo Goberno con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Asistiron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Igualdade, María Victoria Alonso; o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda; o comandante da Garda Civil, Óscar Graña; o inspector xefe da Policía Nacional, Luis Ortiz; o inspector responsable do grupo de VioGén da Policía Local de Pontevedra, José Ángel Ruibal; e os responsables de violencia de xénero da Unidade da Policía Adscrita (UPA) na provincia, Carlos García Blanco e María Jesús Pires Juncal.  




 Tras o minuto de silencio, Maica Larriba interveu para denunciar unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, a violencia contra mulleres e nenas. A subdelegada informou, así mesmo, de que na provincia de Pontevedra, “a día de hoxe, 1.235 mulleres son vítimas de violencia machista e están incluídas no  sistema integral de seguimento de vítimas de violencia de xénero. O máis grave é que quince destas vítimas son menores de 18 anos e catro agresores tamén son menores de idade”.  

 Do mesmo xeito, Larriba lembrou que “entre os obxectivos transversais do Goberno está a loita contra esta lacra que debe combaterse coa promoción da igualdade de dereitos entre mulleres e homes. Un camiño no que se está a avanzar, pero o recordo das 37 vítimas mortais no que vai de ano e o crecente aumento de agresións que vivimos tras o estado de alarma, obríganos a seguir traballando arreo”.  

 A subdelegada insistiu na celebración deste tipo de actos, que lembran a necesidade e importancia de “seguir adoptando medidas para lograr unha sociedade libre de violencias machistas”.  

 Tras a intervención da subdelegada, a escritora Inma López Silva deu lectura á declaración institucional do Goberno.  

Escritora e crítica teatral feminista 

 Inma López Silva foi a persoa encargada de ler a declaración institucional do Goberno aprobada co gaio do 25N. Escritora e crítica teatral, na actualidade combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde ensina Teorías do Teatro e desde onde desenvolve unha intensa actividade crítica. É autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos principais premios da literatura galega. Como narradora cultivou o xénero breve en libros como “Rosas, corvos e cancións” ou “Tinta”, así como o ensaio feminista en “New York, New York”, “Maternosofía”“Chámame señora, pero trátame como un señor”, onde recolle as experiencias persoais sobre o machismo no mundo da literatura e a cultura. Todas as súas obras mostran o universo feminino, achegan a súa conciencia crítica e o seu posicionamento  feminista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario