24 de nov. de 2021

O ROSAL

O Rosal quere converter o Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira  

O pleno aprobará este xoves 25 de novembro, a solicitude para incluír este exemplar, o máis grande de Galicia, no Catálogo de Árbores Senlleiras   


O magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa
Foto: C.O. R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal quere converter o espectacular Magnolia Soulangeana, de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira. O Concello aprobará este xoves 25 de novembro, en pleno (ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello), a solicitude para incluír este exemplar no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais. “Para nós é moi importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no Rosal”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández. Situada en propiedade privada o Concello quere agradecer a implicación e colaboración inestimable dos propietarios. 

 A solicitude busca poñer en valor diferentes aspectos desta árbore, como a súa dendrometría, xa que o magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa ao contar cun tronco de 3,13 metros de diámetro e 30 metros de copa. Outra das características que chama a atención deste exemplar é a súa vitalidade, sobre todo na súa floración e tamaño, moi superior ao que se recolle na bibliografía.  

 Unha enerxía que se ve reflectida tamén no efémero espectáculo da súa floración anual, con fermosas flores rosadas que poden chegar a contemplarse incluso dende a outra beira do Miño. Trátase dun espectáculo anual que se achegan a ver e admirar numerosas persoas e fotógrafos, xa que moitas veces as súas imaxes aparecen publicadas en diferentes medios. Cabe destacar ademais, que a árbore aparece representada na obra do pintor Xavier Pousa Carrera.  

 A árbore ten interese ademais polo conxunto da súa situación e historia, xa que ten ao seu carón outras árbores centenarias de porte considerable e crece á beira dunha casa construída a finais do século XVIII.  

 O Rosal é terra de árbores senlleiras. As últimas en sumarse ao catálogo foron as do conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena, que foron incluídas o pasado mes de abril. Ao formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia garántese a protección e conservación dos exemplares e conxuntos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou á súa aparencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario