29 de nov. de 2021

O ROSAL

O Rosal rendeu homenaxe a Pepe Varela, un home comprometido coa transformación agraria  

Familiares e veciñanza participaron no acto celebrado no Centro Social Polivalente para enxalzar o labor deste rosaleiro fundador da Axencia de Extensión Agraria

   

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, con Xosé Pérez Varela, familiares, amigos, veciños e veciñas máis achegadas do homenaxeado

Fotos: C.O. R.


Infogauda / O Rosal

 Entregado, incansable e “comprometido coa agricultura” e a súa transformación para garantir o seu futuro. Así foi Xosé Pérez Varela, Pepe Varela, a quen O Rosal quixo renderlle homenaxe para enxalzar o seu labor “continuo e diverso”. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, presidiu un encontro emotivo que contou coa presenza de familiares e dos veciños e veciñas máis achegadas do homenaxeado, que se achegaron ao Centro Social Polivalente para por en valor o traballo que desenvolveu ao longo de toda a súa vida. 


Xosé Pérez Varela - en primeiro termo, no centro da imaxe -, acompañado de familiares e amizades, no acto de homaxe a súa persoa, que tivo lugar no Centro Social Polivalente

 Fundador da Axencia de Extensión Agraria en 1969, permaneceu nela ata o ano 1995, e fomentou o movemento cooperativista, tanto colaborando coa cooperativa xa existente, a de ‘El Pilar’, como impulsando novas como a de ‘Porta do río Miño’. Sen o seu traballo non se entendería o sector agrícola rosaleiro de hoxe en día, xa que “impulsou obras comunitarias imprescindibles para o desenvolvemento e a subsistencia do labor agrícola”, salientou a alcaldesa. E é que Pepe Varela deu pulo á apertura de pistas, ao regadío e mesmo á concentración parcelaria, pero tamén se involucrou por exemplo na creación de traídas de auga, “feitas a pico e pa pola propia veciñanza”. 

 Entendía que o futuro pasaba por un desenvolvemento integral do rural, polo que dende a unidade que dirixía na Axencia de Extensión Agraria afondou na hixiene do fogar, que facilitou a aprendizaxe de métodos de conservación que logo se empregaban nas casas rosaleiras, e mesmo traballou coa mocidade labrega nos chamados planteles, aos que formaba en novas técnicas de cultivo, ensinaba o labor en invernadoiros e mesmo levaba a coñecer de primeira man experiencias doutros lugares. 

 “Foi un traballador incansable que en semanas como a do 25 de novembro deberían ter aínda máis recoñecemento, xa que quería revolucionar o sector agrario, pero tamén a mente das persoas. Foi un claro impulsor da incorporación da muller ao traballo en igualdade de condicións e mesmo fomentou que tiveran carné de conducir, tanto de automóbiles como de tractores”, resaltou a rexedora. 

 Durante o acto tamén se lembrou o seu traballo asesorando en aspectos técnicos ás explotacións agrarias no cambio de cultivos, pero tamén ás explotacións gandeiras nun momento no que había moito gando no Rosal. Pepe Varela tamén fixo historia no seu pobo fomentando o asociacionismo labrego e traballando na formación e creación das Sociedades Agrarias de Transformación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario