23 de nov. de 2021

O ROSAL

 O Rosal píntase de morado polo 25 N  

O Concello coloca seis bancos en distintos puntos do municipio para continuar revolucionando mentes 



 

Infogauda / O Rosal

 O Rosal píntase de morado para continuar revolucionado mentes e conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O Concello colocou durante a mañá seis bancos pintados de morado, como xa fixera cos bancos LGTBI colocados na praza do Calvario no mes de xuño, na Escola Unitaria de Pancenteo-Marzán, Espazo de Barbuntín, CPI Suárez Marquier, Estrada do Punto Limpo, praza de Fornelos e na rúa Xulio Sesto para lembrar e visibilizar a lacra que supón a violencia machista dentro da nosa sociedade.  




 A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que “este é o primeiro paso dunha semana que está chea de actos para concienciar e sensibilizar á veciñanza da problemática da violencia machista”. A rexedora destaca que hoxe tamén se inaugurou o punto morado do municipio na Biblioteca Municipal. “Trátase dun espazo de lectura e consulta no que se poderá topar material de carácter feminista dirixido tanto a público adulto como a nenos e nenas”, incide.

  

Feli Balboa

 O Concello tamén quere agradecer “a nosa veciña Feli polo súa doazón de libros para crear este punto violeta”, e anima a toda a veciñanza a asistir a Biblioteca Municipal para “aprender, visibilizar e espallar a importancia da igualdade para vivir nunha sociedade para todos e para todas”.  

 Os actos do 25 N continúan o mércores 24 cando o alumnado de educación primaria do CRA María Zambrano e do CPI Manuel Suárez Marquier comece coa preparación da exposición Gafas cons perspectiva de xénero, unha mostra que afondará “como se ve a vida con perspectiva de xénero, ofrecendo unha mirada crítica para descubrir as desigualdades entre homes e mulleres que sigue habendo hoxe en día”, salienta a concelleira de Igualdade, Sara Vicente Salcidos. 

 Mentres que o propio 25 de novembro o Concello organiza unha concentración veciñal que terá lugar ás 20.00 horas na praza do Calvario, na que todos os grupos da Corporación municipal lerán un manifesto antes da celebración do pleno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario