O alcalde de A Guarda reuniuse con directivas da Asociación de Parkinson Baixo Miño
A entidade ofrece terapias as persoas afectadas para mellorar a súa calidade de vida e atrasar a evolución da enfermidade
Infogauda / A Guarda
Eva Alonso e Adriana Alonso, presidenta e secretaria, respectivamente, da nova directiva da Asociación de Parkinson Baixo Miño, mantiveron unha xuntanza co alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, para dar a coñecer os servizos que presta a asociación e solicitar a colaboración do concello guardés para difundir o seu na localidade.
A asociación, con sede en Tui, ten o seu ámbito de acción territorial en todo o Baixo Miño. As responsables da directiva trasladáronlle ao alcalde a conveniencia de que todas aquelas familias que poidan necesitar apoio saiban da existencia da asociación. Antonio Lomba comprometeuse a dar difusión o seu labor; ofreceu os medios municipais para organizar unha xornada informativa; e puxo en contacto as representantes da directiva cos médicos do Centro de Saúde para abrir unha canle de colaboración entre ambos que beneficie a posibles persoas usuarias e as súas familias.
A Asociación de Parkinson Baixo Miño ofrece terapias as persoas afectadas para mellorar a súa calidade de vida e atrasar a evolución da enfermidade: logopedia, terapia ocupacional, atención psicolóxica, estimulación cognitiva, entre outras. Así mesmo ofrecen apoio aos familiares e persoas coidadoras a través de talleres.
O alcalde, que a súa vez mantén as responsabilidades da concellería de Servizos Sociais, comprometeuse a continuar colaborando coa asociación para que poida seguir atendendo as familias da localidade e da comarca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario