28 de nov. de 2021

A GUARDA

A GUARDA LEMBRA CON GRATITUDE A ELISEO ALONSO RODRÍGUEZ

· O escritor, etnógrafo, ensaísta, fotógrafo, poeta e xornalista, é desde onte Fillo Adoptivo do Concello de A Guarda, a título póstumo




Aspecto que presentaba a planta baixa da Casa do Concello de A Guarda, no acto institucional en homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez
Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Agradecer, lembrar, recoñecer, valorar, son verbos que no día de onte, sábado 27 de novembro de 2021, foron conxugados polos diferentes portavoces dos grupos municipais que representan á cidadanía de A Guarda. Na mente de todos estivo presente á grandeza da figura humana e os innumerables méritos do escritor, antropólogo, ensaísta, etnógrafo, fotógrafo, poeta e xornalista, Eliseo Alonso Rodríguez.

 Desde facía varios anos, un grupo de persoas do mundo da cultura de A Guarda solicitara - en diferentes momentos - para o prezado autor miñoto, que o Concello guardés lle tributase un merecido recoñecemento institucional, proposta que houbo de reiterarse ao longo do tempo para tratar de activala axeitadamente, procurando xunguir vontades e levar a bó termo esa proposta.

 En agosto de 2020, con motivo do I Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Río Miño, este cronista fíxose eco - unha vez máis - dese labor que A Guarda tiña pendente con Eliseo Alonso, momento no que a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, amosou o compromiso de comezar unha singradura que culminase co XXV cabodano do pasamento do egrexio goianés. Dese xeito, fóronse dando os pasos necesarios, de acordo co Regulamento de Honras e Distincions do Concello de A Guarda, creándose á correspondente Comisión Municipal na que están representados os portavoces de cada formación política con representación no concello.

 Por outra banda, oportunamente constituise unha Comisión Organizadora Pro-Homenaxe a Eliseo Alonso, que ao longo deste 2021 viu traballando no devandito proxecto, mantendo un contacto fluído coa familia do lembrado autor goianés.

 Dese xeito, sería como, andado o tempo, chegouese a data elexida, acordada coa familia de Eliseo Alonso. Foi, a de onte, unha xornada emotiva e intensa, que comezou a media mañá na Casa dos Alonso. Alí, aplicando as medidas correspondentes, que por motivos sanitarios, compre ter presentes, a Casa do Concello, acolleu á familiares, amigos e veciños de Eliseo Alonso. E por suposto a Corporación Municipal do Concello de A Guarda, presidida polo alcalde Antonio Lomba Baz.  Tamén asistiron a alcaldesa e concelleiras de Tomiño.

 O programa - conducido por José Font Moldes, director e fundador da Radio Municipal de Tui - comezou arredor das 10:30 horas, coa entrega a cada persoa asistente, dun exemplar do libro "Gamelas e Mariñeiros", que contou coa dirección editorial de Ana Vicente Rivas, e foi editado en galego - con traducción a cargo de Ramón Quiroga Barro -, pola Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Concello de A Guarda. 

 Cando as agullas do reloxo situado na torre da vella vila intramuros marcaba ás 11:10 horas, daría comenzo á celebración do Pleno Extraordinario, no que a Corporación Municipal acordou por unanimidade, outorgar a D. Eliseo Alonso Rodríguez, o título de Fillo Adoptivo de A Guarda, a título póstumo.

 Nesa sesión, que foi seguida con toda atención e respecto por toda a audiencia presente, e que tamén pudo ollarse mediante a retransmisión pola canle de YouTube do Concello de A Guarda; houbo os correspondentes turnos de intervencións dos portavoces de cada grupo municipal; da concelleira de Cultura e do alcalde de A Guarda, nas que se recoñeceron os moitos méritos acreditados por Eliseo Alonso, que o fixeron lexítimanente acreedor da distinción que en nome da cidadanía guardesa, lle outorgaba á institucional municipal.

 En nome da familia Alonso Rivas, fixo uso da palabra a xornalista Rita Alonso Pérez, para expresar o agradecemento da esposa, filla e irmá do homenaxeado.





 A continuación tivo lugar á entrega á familia, da decraración de D. Eliseo Alonso Rodríguez, como Fillo Adoptivo do Concello de A Guarda, así como unha reproducción en bronce, dunha gamela guardesa, e uns ramos de flores que foron entregados polos portavoces de cada grupo municipal.





 Momentos despois procederíase a inauguración da XXV ExfiMiño, exposición de filatelia adicada a Eliseo Alonso. Interviñeron Marta Verde Rodríguez, secretaria da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (SFNG); Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; e Enrique Pérez Martínez, presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI).





 Logo das respectivas intervencións o alcalde fíxolle entrega á familia dun cadro co material filatélico que momentos despois sería posto en circulación (enteiro postal, reproducindo no anverso unha fotografía de Eliseo Alonso no varadoiro do peirao de A Guarda, e no reverso un selo reproducindo unha fotografía antiga, cunha vista do barrio de pescadores e gamelas fondeadas na badía de A Guarda; selo personalizado, deseñado por José Ramón Álvarez Sacristán, reproducindo a fotografía dunha gamela guardesa á vela, procedente do fondo documental de InfoMAXE; cuño postal e sobre - ambos os dous, coa efixie de Eliseo Alonso -, deseñados por José Ramón Álvarez Sacristán.

 Tamén foi editado un catálogo da XXV ExfiMiño, que entre seu contido conta cunha reseña biográfica de Eliseo Alonso.




 Deseguido na Sala Multimedia da Casa dos Alonso, situada ao igoal que o salón de plenos, na planta baixa da Casa do Concello, tivo lugar á inauguración da esposición Eliseo Alonso: Camiñando cara ao mar da A Guarda, que contou cunha intervención deste cronista, relembrando á Eliseo Alonso e súa relación cos mariñeiros guardeses, e agradecendo todos os apoios institucionais e de persoas particulares que facilitaron á organización desta homenaxe.




 Nesa exposición figura unha síntese da traxectoria vital e creativa de Eliseo Alonso, con datos, documentos, fotografías,..., e sobre todo, artigos publicados en diferentes xornais e revistas, tanto de Galicia, España,..., e mesmo de Sudamérica.

 Hai tamén unha mostra biobibliográfica da producción literaria e antropolóxica de Eliseo Alonso, así como exemplares de libros de varios autores (Francisco Álvarez - Koki, Florindo Álvarez Martínez, Luis Manuel García Mañá,...), que prologara Alonso de Goyán - seudónimo de Eliseo Alonso -  e publicacions colectivas, nas que colaborara o entrañable goianés.

 Tanto a mostra filatélica como a exposición biobibliográfica podera visitarse ata o día 9 de decembro. De feito xa están confirmadas ás visitas de alumnado de varios centros educativos da contorna.






 Finalmente, familiares, autoridades municipais, amizades e veciñanza de Goián e de A Guarda, baixaron ata o Paseo Marítimo de A Guarda, onde na paraxe coñecida pola xente do mar guardés, como A Herbiña do Marraxo, atópase unha escultura adicada a Eliseo Alonso, realizada por Manuel Coia Piñeiro, da Escola de Cantería de Pontevedra. A obra estaba cuberta cunha bandeira co brasón e as cores extraoficiais do Concello de A Guarda.

 Unha primeira intervención musical a cargo de Silvia Castro González, que coa súa frauta traveseira interpretou "Máis aló das nubes", de Jean Claude Borelly, abriría ese momento do programa previsto, no que queremos resaltar á colaboración, ao longo de toda á xornada, do persoal auxiliar da Concellería de Cultura do Concello de A Guarda.




 A continuación unhas amigas da familia Alonso Rivas, darían lectura respectivamente, a unha peza literaria e a un poema - recollido no libro póstumo "A fronteira comunicante" -, de Eliseo Alonso.




 Nese acto interviu Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, para agradecer públicamente a xenerosa achega de Eliseo Alonso ao pobo guardés e á cultura miñota.

 Tamén interviría o alcalde A Guarda, referindo que a lembranza á Eliseo Alonso Rodríguez terá desde agora un fito neste fermoso lugar a carón do mar de A Guarda que o escritor goiánes tanto amaba.





 A continuación, coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; e a filla de Eliseo Alonso, Alicia Mª Alonso, tivo lugar o descubrimento do monumento a Eliseo Alonso, momento que foi acollido cos aplausos de todas ás persoas presentes.

 Un novo momento musical a cargo de Silvia Castro, interpretando "Camiño de Santiago", de Carlos Núñez, poría broche de ouro aos actos na honra de Eliseo Alonso.

 Dese xeito, A Guarda, como pobo agradecido que é, lembrará, por sempre, con gratitude, á Eliseo Alonso Rodríguez.

GALERÍA DE IMAXES, DA AUTORÍA DO FOTÓGRAFO SANTIAGO BAZ LOMBA.


Ningún comentario:

Publicar un comentario