3 de xuño de 2021

A GUARDA

A GUARDA VAI TRIBUTAR UNHA HOMENAXE PÓSTUMA A ELISEO ALONSO RODRÍGUEZ

· Os actos coincidirán co XXV aniversario do seu pasamento

· Unha Comisión Organizadora está traballando, en colaboración coa familia do escritor, etnógrafo, poeta e xornalista goianés, para realizar un programa de actividades

Eliseo Alonso Rodríguez 
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente 


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

“Desde mi niñez, tengo un saudoso recuerdo de las gamelas, cuando “en vela” – como dicen los marineros de A Guarda – cogían la salida de la diaria regata del xeito”.

                                Eliseo Alonso Rodríguez                                                    

 Con ese parágrafo extraído do libro Gamelas y Marineros, de Eliseo Alonso, comeza a proposta do Concello de A Guarda, documento que veñen de asinar os portavoces de todos os grupos municipais do Concello de A Guarda.                              

  No devandito documento consta tamén o seguinte:

 “Nestes últimos anos varias persoas trasladaron a necesidade de que a vila da Guarda fixese xustiza cunha figura que permitiu recoller e poñer en valor a cultura mariñeira. Esta figura é Eliseo Alonso Rodríguez.

 Eliseo iniciou un camiño que xa non ten retorno, puxo as bases para coñecer e valorar o noso, o que somos, como nos relacionamos, como vivimos e como é a nosa pegada no entorno. Sen os seus traballos non seriamos quen de recoñecernos. Eliseo acercouse ata a nosa localidade para recoller aquilo que, por cotiá, ninguén valoraba, e posibilitou que non se perdese e que houbese traballos posteriores que afondaron no coñecemento da nosa vila, da súa cultura e d@s veciñ@s da nosa localidade. O valor antropolóxico que desenvolveu Eliseo Alonso para coa nosa localidade é impagable. Tiñamos una débeda contraída con el que esperamos comezar a saldar.

 Somos coñecedores do magnífico dos seus escritos, como Contos do Miño, do seu traballo incesante coma escritor, da súa actividade coma xornalista ou colaborador en congresos, conferencias ou seminarios. Pero Eliseo amosou un cariño e unha entrega especial por esta terra. Foron moitas as tardes nas que se puido ver acompañado por mariñeiros no Porto, desfrutando coas súas conversas. Coa información recollida nesas tardes temos o espléndido traballo etnográfico e antropolóxico Gamelas y Marineros á que fixemos referencia no inicio deste escrito, que serviu de base de moitos outros traballos ou teses.

 Significar que, para a sociedade guardesa no seu conxunto e para as persoas vinculadas coa cultura, será un necesario acto de recoñecemento que a nosa vila sexa quen de amosar gratitude con aquel que tan ben a plasmou e retratou, posibilitando que non se perdese a esencia co paso do tempo. Na obra de Eliseo nos recoñecemos e sabemos quen somos.

 Deste xeito e para dar dar inicio o cumprimento desa débeda que o pobo da Guarda ten coa figura de Eliseo Alonso, o pasado 30 de marzo reuníronse no salón de Plenos do concello da Guarda os portavoces de todos os grupos municipais e acordaron, de xeito unánime, iniciar a tramitación administrativa para que nun Pleno Extraordinario se recoñeza a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo da Guarda, máxima distinción que outorga o Regulamento de Honras e Distincións a unha persoa non nacida na localidade.

 Os abaixo asinantes, con este escrito trasladan o interese de iniciar a tramitación administrativa necesaria”.

 A Guarda, 7 de abril de 2021

 (A continuación figuran as sinaturas de cada un dos portavoces dos grupos municipales con representación na Corporación Municipal de A Guarda).


O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz - no centro da imaxe - cos membros da Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez

Foto: C.A.G.

  Dese xeito, atendendo ás propostas presentadas no Concello de A Guarda, subscritas por varias persoas vencelladas ao eido cultural, o Concello de A Guarda amosa toda súa disposición e compromiso para tributar unha homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez, escritor, etnógrafo, poeta e xornalista. Con ese propósito creouse unha Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso, que está formada por Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda; Marta Verde Rodríguez, tesoureira da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.); Antonio Martínez Vicente, membro da Asociación InfoMAXE; e Ricardo Rodríguez Vicente, cronista de A Guarda.

 A devandita Comisión Organizadora, en colaboración coa familia de Eliseo Alonso, proponse desenvolver varias actividades, que serán dadas a coñecer oportunamente, en nas que seus membros están traballando, contando co necesario apoio institucional.

 De acordo co programa previsto pola Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso, as actividades a realizar terán como un dos principais obxectivos, nomear a título póstumo, a Eliseo Alonso Rodríguez, como Fillo Adoptivo de A Guarda. Con ese recoñecemento, a cidadanía guardesa, representada polo alcalde e a Corporación Municipal, quere agradecerlle a Eliseo Alonso todo canto fixo a prol de A Guarda, en xeral, e de xeito moi especial, pola súa contribución á posta en valor do seu patrimonio etnográfico mariñeiro.

 Ao longo de toda súa vida, Eliseo Alonso visitou á vila guardesa en innumerables ocasións. De tal xeito que poderiamos dicir que formou parte, por vontade propia, da paisanaxe guardesa. Ademáis de un gran amigo de moitos pescadores, artistas, fotógrafos,… da nosa vila, foi un activo publicista dos singulares atractivos que posúe A Guarda (súa privilexiada ubicación, bicada polo río Miño e polo Océano Atlántico; as Festas do Monte Santa Trega; súa gastronomía, baseada nos productos de primeira calidade e de proximidade, especialmente os mariscos e peixes do noso mar e tamén do río; seu destacado patrimonio arqueolóxico, etnográfico, medioambiental, monumental e paisaxístico; súas tradicións,…). Por todo iso, pola súa atenta escoita, e polo seu altruista apoio aos creadores locais e ás iniciativas culturais que agromaron na nosa vila, e polo que o pobo de A Guarda quere brindarlle a Eliseo Alonso unha máis que merecida homenaxe pública. 

 Os actos a realizar están previstos que coincidan co XXV aniversario do pasamento de Eliseo Alonso, e contarán coa participación das autoridades municipais e a cidadanía de A Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario