30 de out. de 2021

VIGO

A CIG mobilízase diante da Autoridade Portuaria de Vigo para  reclamar a readmisión dun traballador afiliado da central  

Dende o sindicato denuncian o cambio de criterio na valoración da  experiencia profesional no proceso de consolidación dunha praza  


Delegados/as sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración para reclamar a readmisión dun  traballador afiliado da central

Fotos: CIG


Infogauda / Vigo

 Delegados/as sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración coincidindo coa xuntanza do  consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) para reclamar a readmisión dun  traballador afiliado da central que se viu afectado polo cambio de criterio dun tribunal que elaborou  unhas bases “que pouco teñen co que se espera dunhas bases para un proceso de estabilización de  emprego”.  

 Dende o sindicato explican que o afectado, oficial de mantemento no Porto de Vigo, era indefinido por  sentenza xudicial dende 2016. “Mais cando se afiliou á CIG en 2018 comezou a recibir un trato  diferente”. Nos últimos procesos de consolidación de emprego fixéronse varios concursos para  diferentes departamentos, “e mentres que noutros departamentos como conserxaría ou policía portuaria  valorouse a experiencia na APV ou na Administración pública cun valor diferencial sobre a empresa  privada e cun baremo de até o 60% do total, no caso da praza que ocupaba este traballador só se  baremou o 30% do total e estableceuse o 0,05 de diferencial entre o sector público e o privado”.  

 Por iso a representación sindical da CIG na APV reclama que se faga o mesmo que se fixo no caso  dunha compañeira que tampouco superou no mes de xullo o proceso de consolidación da praza que  ocupaba, e que a día de hoxe segue con contrato indefinido: que o manteñan un tempo para que poida  formarse de cara a unha futura consolidación. Para abordar esta cuestión solicitaron o pasado día 8 unha xuntanza urxente co presidente da APV “pero aínda non obtivemos resposta”.  

 Ao mesmo tempo, o representante da CIG na APV, Anxo Igrexas, demandou durante a reunión do  consello de administración unha solución para o afectado, “xa que se trata dun traballador indefinido  sen praza consolidada que levaba 11 anos prestando servizo na APV e lembrou que a sección sindical da CIG está pendente de que se lle dea resposta á solicitude de xuntanza co presidente”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario