19 de out. de 2021

PONTEVEDRA

O proxecto desenvolvido pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra enmárcase no programa de actividades arredor do 25N       

Maica Larriba presenta o proxecto “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero”  

· O primeiro destino da maleta é o Centro Penitenciario de A Lama, onde os internos e internas poderán achegarse a máis dunha trintena de lecturas relacionadas coa igualdade, o feminismo, a autoestima ou a violencia machista.   


Durante a presentación do proxecto, Maica Larriba estivo acompañada pola responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, e subdirectora de Tratamento do Centro Penitenciario de A Lama, Andrea Monteiro

Fotos: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe pola mañá o novo proxecto desenvolvido pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra no marco do programa de actividades arredor do 25N que está levando a cabo as Delegación e Subdelegacións do Goberno.  

 Durante a presentación do proxecto, Maica Larriba estivo acompañada pola responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, e subdirectora de Tratamento do Centro Penitenciario de A Lama, Andrea Monteiro.  

 “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero” é unha iniciativa que nace co obxectivo de achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista “ás mulleres e nenas da provincia, aínda que non unicamente”, explicou a subdelegada. Tal e como indicaba Larriba, “trátase de textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades”. 

 

“MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero” é unha iniciativa que nace co obxectivo de achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista


 A maleta comezará a súa andadura no Centro Penitenciario de A Lama e continuará a súa viaxe por diferentes casas de acollida, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero, centros de información á muller ou servizos sociais da provincia que soliciten a maleta para traballar coas súas mulleres usuarias.   

 “É unha viaxe sen data de volta”, explicou a subdelegada, “xa que a idea é que a maleta poida continuar percorrendo a provincia e aumentando ou variando os libros que viaxan nela”. Nesta primeira etapa, a maleta conta con máis dunha trintena de libros infantís, xuvenís e para adultos, co obxectivo de que non só as mulleres, senón tamén as nenas e mozas poidan formar parte do proxecto. 

 Entre as obras que garda a maleta atópanse títulos como “Tú haz la comida, que yo cuelgo los cuadros: Trampas y tramposos en la cultura de la desigualdad” de Miguel Lorente Acosta; “A mí no me iba a pasar: Una autobiografía con perspectiva de género” de Laura Freixas; “Cansadas” de Nuria Varela; “El libro de la hija” de Inma López Silva; “Invisibles: Relatos del maltrato” de Montse Fajardo ou “Mujeres que compran flores” de Vanessa Montfort. A maleta contén tamén un diario de viaxe, no que as usuarias poderán escribir e compartir as súas reflexións sobre as lecturas. 

DATOS QUE DEBERAN FACERNOS REFLEXIONAR 

 Segundo informou a subdelegada,  “a día de onte na provincia de Pontevedra contabilizábanse 1.258 casos activos dentro do Sistema de seguimento de violencia de xénero –VioGén- con 1.232 vítimas. Catorce destes casos están tipificados como de risco alto e en 265, a vítima sufriu violencia por máis dun autor. “Son datos que nos teñen que facer reflexionar a todos e todas sobre a educación en dereitos, igualdade e liberdades na que debemos incidir na nosa sociedade. E esa é a contribución que queremos que teña a Maleta Viaxeira que hoxe presentamos”, concluíu Larriba.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario