18 de out. de 2021

A GUARDA

A Guarda continúa coa mellora da Praza de Abastos 

• Seguen dándose pasos para convertela nun Mercado de Excelencia

• As obras recentes licitáronse por 48.500 € e contaron co cofinanciamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos  


O alcalde e dous membros do Equipo de Goberno Municipal na terraza recentemente creada na Praza de Abastos de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 De cara a convertela nun Mercado de Excelencia, o Concello de A Guarda continúa traballando na mellora da Praza de Abastos, con diferentes actuacións nos pasados meses que incluíron a substitución do pavimento do piso superior por gres cerámico antibacteriano; a adecuación de dous postos que se sacarán a concurso xunto a outros que se atopan baleiros; e a creación dunha zona de lecer, coa apertura da terraza frontal para seu uso no futuro coma zona de servizos para cafetería ou establecemento similar.    

 Desde fai case unha década as intervencións para acadar unha mellora das instalacións do mercado teñen sido prioridade para o Equipo de Goberno Municipal. Entre estas intervencións atopamos obras e actuacións de diversa índole dirixidas a mellorar:  

- As condicións do edificio (arranxo da cuberta, solución aos problemas de filtracións e humidade, substitución dos pavimentos, reforma dos baños das escaleiras ou substitución de luminarias por led).  

- As condicións de traballo dos praceiros e praceiras, así como a satisfacción da clientela (instalación de portas automáticas de cristal para mellorar o confort térmico, creación de varias zonas de descanso, instalación de fío musical ou construción dunha zona de lavado de utensilios de traballo).  

- A accesibilidade do inmoble (instalación do ascensor, creación dunha rampla de acceso na rúa Julián López, construción dun aseo accesible ou a creación de prazas de aparcamento para persoas de mobilidade reducida nas inmediacións).   

- Aspectos estéticos (pintado das paredes, adquisición de mostradores-expositores para os postos de venda ambulante, decoración de Nadal, colocación de lonas decorativas ou renovación das antigas portas de madeira).  

UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 332.00 EUROS

 O total investido desde o 2013 nestas instalacións ascende a 332.339,10€ dos cales máis de 80.000€ corresponden a aportacións municipais e o resto proveñen de subvencións a nivel provincial e autonómico.   

 Unha vez finalizadas estas obras só quedará por levar a cabo a última das fases para a  modernización da Praza de Abastos que consistirá nun proxecto de mellora estética máis acorde a estes tempos. Esta reforma estética, na que se prevé investir arredor de 100.000 €, pretende converter un mercado, no que xa podemos atopar produtos dunha calidade moi alta, nun espazo no que ademais resulte máis agradable e atractivo para os clientes.   

 As obras rematadas recentemente contan cunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural de preto de 28.000 € dos cales un 75% foi aportado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER); un 7,5% polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPAMA) e un 17,5% pola Xunta de Galicia a través das subvencións a proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais 2020-2021. A aportación restante, sobre 20.000 €, está financiada a través do plan concellos da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario