19 de out. de 2021

TURISMO

A Deputación de Pontevedra amosa en Valencia e Madrid todo o músculo do sector turístico da provincia 

A delegación provincial espallará as potencialidades do destino Rías Baixas a través de dous  obradoiros nos que participarán preto de 30 empresas


Folletos turísticos editados pola Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Valencia

 A Deputación de Pontevedra desembarca este mércores en Valencia e o xoves en Madrid, cunha delegación encabezada  pola presidenta Carmela Silva, para amosar todo o músculo do sector turístico da provincia a través de dous workshops nos que preto de 30 empresas da provincia realizarán traballo de redes xunto a firmas valencianas e madrileñas. Nesta iniciativa, a institución provincial espallará as potencialidades do destino aos mercados emisores, a través de encontros, reunións e unha presentación do destino.  

 O obxectivo principal destes obradoiros, incluídos no eixo 3 de "Competitividade e Reactivación" do Plan Estratéxico de Turismo 21-23, é posicionar ao destino provincia de Pontevedra nos mercados obxectivos, concretamente en lugares que teñen conexións directas con Rías Baixas, impulsando a reactivación do turismo de proximidade nacional. "Eliximos Valencia e Madrid –destacou a presidenta- por ser dúas localizacións prioritarias para a captación de visitantes, debido ao grande interese que presenta o noso destino, a nosa gastronomía, oferta cultural e paisaxe vinculada a un clima suave, entre as persoas que alí residen. Amais, os obradoiros son actividades que materializan a nosa vontade de reforzar a colaboración público-privado para converter á provincia nun destino máis competitivo".    

 O obradoiro en Valencia terá lugar este mércores no edificio "Veles e Vents", deseñado por David Chipperfield e situado no epicentro da Marina da cidade, e o xoves en Madrid en "Próxima estación", un espazo de 800 metros cadrados para todo tipo de eventos que está situado en pleno centro da capital. En ámbalas dúas cidades a organización do evento será similar, con dous momentos claves: o  obradoiro propiamente dito e  a presentación de destino.   

 No obradoiro, que comezará a última hora da tarde, as empresas do sector turístico da provincia terán a oportunidade de establecer vínculo de traballo con entidades emisoras e incrementar, así, o seu volume de negocio. Amais, incentivarase que poidan comercializar o destino Rías Baixas para o período 2022-2023 en mercados prioritarios e con capacidade de atracción de público internacional. As empresas que se desprazan a Valencia e Madrid son de todos os ámbitos do turismo que representan a oferta de aloxamentos (Alda Hotels, Attica 21 Hotels, Gran Talaso Hotel Sanxenxo,Hotel Bahía de Vigo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel La Terraza, Hotel Louxo La Toja, Hotel Pirámide, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo, Paradores, Casa do Sear, Casas A Peregrina e Galicia Villas); axencias receptivas (Circuitos Galicia, CNTravel, Galicia Holiday, Simply Galicia, Tee Travel, Viajes Interrías e Viajes Vio Viajes); e oferta complementaria (Sailway, Martín Codax, Terras Gauda, Paco & Lola, o Castelo de Soutomaior e o Museo de Pontevedra).  

 Ao remate deste encontro de traballo terá lugar a presentación do destino Rías Baixas na que se darán a coñecer todos os atractivos turísticos da provincia coa campaña deste ano "É o teu Momento". Prevese que ata o acto se despracen turoperadores, empresas emisoras especializadas na comercialización dos recursos e das Rías Baixas como destino turístico, blogueiros e xornalistas dos principais medios de comunicación de Valencia e Madrid, así como personalidades da cultura e representantes institucionais. 

 A Deputación de Pontevedra ten iniciado estas actividades de redes en Barcelona no 2018. Naquel primeiro obradoiro participaron 25 empresas do sector turístico da provincia. O éxito da convocatoria foi tal que a institución provincial tivo sempre presente a repetición desta iniciativa que non se puido retomar ata este ano debido á pandemia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario