29 de out. de 2021

O PORRIÑO

A CIG-Industria volve facerse coa totalidade da representación  no comité de empresa de CZ Vaccines do Porriño 

A central obtivo os 13 delegados/as ao ser o único sindicato que foi quen  de presentar candidatura na compañía farmacéutica 


Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 A federación de Industria da CIG de Vigo volveu facerse coa totalidade da representación no comité de  empresa de CZ Vaccines do Porriño, nesta ocasión logrando os 13 delegados/as que se escollían, ao ser  o único sindicato que foi quen de presentar candidatura na compañía farmacéutica do grupo galego Zendal.  

 No proceso celebrado onte xoves día 28 de outubro, a CIG obtivo 104 votos dos 114 emitidos no colexio de  especialistas, onde se escollían 9 delegados/as, mentres que 10 foron en branco. Entre o persoal técnico  e administrativo, que elixía 5 representantes, a central sindical contabilizou 55 votos, rexistrándose 5 en branco. 

 É a segunda ocasión consecutiva na que a CIG logra a totalidade da representación, tras sumar os 9  delegados/as que se escolleron no anterior proceso, ao que tamén concorreu unha única candidatura. En  2011 a central sindical contaba con 7 representantes, por 2 da UGT. Pero nas eleccións sindicais  anteriores a ese ano a UGT contaba cos 9 delegados/as do comité. 

 Dende a representación sindical da CIG en CZ Vaccines agradecen a confianza e o apoio amosados polo cadro de persoal e amosan a súa disposición a loitar polos dereitos laborais do conxunto dos  traballadores/as da empresa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario