O PERSOAL DA FÁBRICA DE IKF NAS CACHADAS, DESENVOLVERÁ UNHA CONCENTRACIÓN EN VIGO
Este mércores día 6 de outubro, ás 11:00 horas, diante da delegación da Xunta (rúa Concepción Arenal, 8)
Infogauda / A Guarda
O cadro de persoal de Imerys Kiln Furniture (IKF), empresa con sede e factoría nas Cachadas (A Guarda) dedicada á fabricación de materiais refractarios, desenvolverá este mércores día 6 de outubro ás 11:00 horas, diante da delegación da Xunta (rúa Concepción Arenal, 8), en Vigo, unha concentración "para reclamar a implicación do Goberno galego no conflito laboral que manteñen coa dirección da transnacional francesa, que pretende precarizar as condicións laborais e vulnerar o dereito de conciliación."
Os traballadores/as, que levan máis de 30 días de folga contra a intención da empresa de prolongar a dobre escala salarial e de ampliar a xornada de luns a domingo, solicitaron unha reunión coa delegada da Xunta e aínda están á espera de contestación.
Lembran que IKF, que emprega a preto dun cento de persoas, é unha das principais compañías da comarca do Baixo Miño.
O pasado venres día 1 de outubro, unha representación do persoal de IKF da fábrica das Cachadas, asistiu a sesión plenaria ordinaria da Corporación Municipal do Concello de A Guarda. Na devandita sesión foi aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais (PP, PSOE, BNG e CG), a urxencia da moción presentada así como tamén a parte resolutiva da devandita moción, deixando constancia do apoio de toda a Corporación Municipal as lexítimas reivindicacións dos traballadores e traballadoras de IKF, e instando a chegar a un acordo entre o persoal e a empresa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario