6 de out. de 2021

VIGO

NOVA MOBILIZACIÓN DO COLECTIVO DE PERSOAS XUBILADAS E PENSIONISTAS DA CIG

Este xoves, día 7 de outubro ás 11:00 horas, no farol de Urzáiz (Vigo)

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG convoca unha nova mobilización en defensa do sistema público de pensións
Foto: CIG

Infogauda / Vigo
 
 O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG convoca unha nova mobilización en defensa do sistema público de pensións e por un sistema público galego de atención ás persoas. As  protestas terán lugar nas sete cidades e en Bueu para demandar unhas pensións públicas dignas e  alertar das consecuencias da reforma que o Goberno español ten sobre a mesa e que está en  trámite parlamentario neste intre

O novo pacto das pensións non garante unhas prestacións dignas nin presentes nin futuras 

 O colectivo denuncia que o PP e o PSOE levan anos querendo reformar o sistema público de  pensións. Considera que teñen medo á contestación popular e que, por iso, se apoian en CCOO e  UGT para perpetrar o que cualifican de “novo roubo ás clases populares”. 

 Sinala que o acordo asinado o pasado 1 de xullo súmase ao anterior, do 27 de xaneiro de 2011,  cando o Goberno español, CCOO e UGT asinaron un acordo no que se vendían as nosas pensións.  “Neste acto vergoñento subían o período de cálculo de 15 a 25 anos; aumentaban a idade de  xubilación dos 65 aos 67 anos; e tamén aumentaban a idade mínima de xubilación dos 61 aos 63  anos e 33 cotizados”. 

 Por iso conclúen que “o Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais, co  acordo do 1 de xullo deste ano, veñen de pactar a consolidación de todos eses recortes perpetrados  no ano 2011” e chaman a mobilizarse nas concentracións convocadas contra esta reforma porque,  afirman, “estamos a tempo de parala”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario