19 de out. de 2021

GASTRONOMÍA

As delicias de anzol de Orpagu seducen ao público do Salón Gourmets   

A Organización de Palangreiros Guardeses chega ao Salón Gourmets de Madrid coa imaxe dos seus produtos totalmente renovada, pero coa mesma calidade que lles fixo merecedores do éxito que gozan, non só en España, senón tamén en países como Estados Unidos, Suíza ou Dinamarca. 

A chef Emma Pinal elaborou varias das “Delicias de Anzol”, unha degustación á que asistiron numerosas persoas e que se celebrou na caseta da Consellería  do Mar.  


O espazo de  Orpagu na caseta da Consellería do Mar foi moi concorrido

Mar Bermúdez / Madrid

 O Salón  Gourmets, do mesmo xeito que Galicia, conta cun recuncho idílico con cheiro e sabor a mar que se chama A Guarda. A caseta da Organización de Palangreiros Guardeses é un anaco da localidade mariñeira que este ano presenta o mesmo produto de calidade de sempre cunha imaxe renovada e co acento nun afán de sustentabilidade que nace xa da forma de captura das pezas. De aí o nome elixido: Delicias de Anzol.   


No centro da imaxe, Joaquín Cadilla, presidente de Orpagu, no evento desta tarde en Madrid
O presidente de  Orpagu, Joaquín  Cadilla, coas delicias de anzol

 Con elas como materia prima, a chef Emma  Pinal elaborou esta tarde diferentes pratos para os asistentes ao Salón  Gourmets post-covid. Son produtos que forman parte xa do menú habitual de numerosos consumidores e que queren chegar aínda a máis. Por iso, en  Orpagu traballouse en presentacións máis modernas (tacos, hamburguesas, lombos, faragullas,…) para que a elaboración dun menú san, nutritivo e saboroso resulte o máis cómodo e rápido posible. 


Un dos pratos que formaron parte da degustación

 Tacos de peixe espada en aceite de oliva; hamburguesas de peixe espada;  ventresca de peixe espada; lombos de peixe espada; lombos de  atún de anzol; Faragullas de  atún;  Burguers de  atún e  ventresca de atún de anzol en aceite de oliva. Tales son os produtos que estrean nova imaxe estes días -a posta de longo realizouse na recente edición de Conxemar- e que responden a tres premisas: calidade, saúde e présa. Porque ter pouco tempo non debe ser sinónimo para comer mal. 

 A Organización de Palangreiros Guardeses involucrouse hai anos na comercialización dos seus produtos, así como nos seus procesos de transformación e a súa comercialización directa ao consumidor. O éxito da súa tenda e da venda en liña, así como a boa acollida das novas presentacións de peixe espada e  atún, contribuíron a fortalecer a presenza da marca destes armadores tanto en España como en Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Dinamarca, Holanda, Portugal e Alemaña, entre outros países. 

Orpagu, a organización de palangre de superficie líder en Europa  

 Orpagu converteuse na organización de palangre de superficie máis importante do continente cun volume de produción conxunta, entre os asociados galegos e portugueses, que supera as 5.000 toneladas anuais de peixe espada, unha facturación por encima dos 60 millóns de euros e máis dun milleiro de empregos directos. Nisto ten moito que ver a unión da Guarda con Portugal, iniciada formalmente en 2017 coa adhesión da primeira empresa pesqueira lusa, o que conferiu a  Orpagu a categoría de organización  transnacional. Esta relación fortaleceuse en 2020 coa alianza estratéxica con Vianapesca, a Cooperativa de Armadores de Pesca Artesanal de Peniche e a Asociación de Armadores de Peniche. Desta forma, aos 39 palangreiros da Guarda uníronse outros 40 portugueses que, desde ese momento, realizan as súas descargas no porto de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario