10 outubro: Día Mundial da Saúde Mental
Avelaíña conmemora o Día Mundial da Saúde Mental baixo o lema “SAÚDE MENTAL, UN DEREITO NECESARIO”
A pandemia provocada polo COVID sacou a luz, con maior forza que nunca, a fraxilidade da saúde mental e a necesidade de prestarlle atención de urxencia. Por iso, con motivo do Día Mundial da saúde mental, que se celebra o 10 de outubro, baixo o lema “saúde mental, un dereito necesario” Avelaíña está a organizar unha serie de actividades nos concellos do Baixo Miño
Natalia Guisande / A Guarda
O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.
A este propósito, baixo o lema “saúde mental, un dereito necesario”, aliñado coa temática mundial desta conmemoración, a entidade pretende denunciar as desigualdades que existen ao redor da saúde mental e que poden ocorrer por diversos motivos (económicos, por idade, por xénero, por educación ou por lugar xeográfico), así como reivindicar a importancia de que a atención á saúde mental sexa igual para todas as persoas. Ademais, o lema pretende concienciar sobre o feito de que a saúde mental afecta a todo o mundo e que, por iso, todos e todas debemos coidala.
Marea verde no Baixo Miño
Unha destas actividades, será o alumeado en cor verde, a petición de Avelaíña, dos edificios dos Concello de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, en sinal de apoio a saúde mental e co obxetivo de dar visibilidade á situación deste colectivo.
Mesas informativas en Tomiño
Avelaíña instalou esta semana na Praza do Seixo en Tomiño unha mesa informativa co obxetivo de sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental, sobre o traballo que realiza a asociación e os recursos da contorna.
Asociación Avelaíña
A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.
Tras 24 anos de andaina, na actualidade a asociación está integrada por 17 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario